martes, 8 de mayo de 2012

A "Marbella galega" de Fran Soutelo


Vestido de negro, sombreiro negro, gafas de pasta negra e ollos negros para falar dunha novela negra que se desenvolve entre Muros, Santiago, o Carballiño e o Salnés. Lugares, todos eles,  ben coñecidos por Miguel Anxol Fernández, como tamén o é esta "Marbella galega" na que veraneaba fai uns anos e a que invita a descubrir a todos os lectores de Lume de cobiza da man do detective Fran Soutelo.  

Lectura pesimista ao comezo: Fran Soutelo pasa doce horas no avión sen poder aterrar en ningún aeroporto galego por mor do lume que oscureceu o ceo o primeiro de agosto daquel verán de 2006.

O autor garante a verosimilitude da novela. A realidade mestúrase coa ficción, lugares próximos e personaxes reais conviven con outros literarios nunha trama que engancha dende un principio querendo seguir as pistas para descubrir que se esconde detrás da morte dun rapaz novo de Padriñán. 


A película está á volta da esquina e a seguintes aventuras detectivescas do protagonista no forno! 
Unha data: 2014




martes, 1 de mayo de 2012

Miguel Anxo Fernández


O escritor e crítico de cine Miguel Anxo Fernández chegará ata Sanxenxo o luns 7 de maio para comentar a súa obra Lume de cobiza, protagonizada polo detective Frank Soutelo e  ambientada en escenarios reais que nos son próximos (Sanxenxo, Santiago, Muros, Vigo, O Carballiño...)  no verán do 2006, cando os montes arden de forma incontrolada por todo o país.

Miguel Anxo Fernández  é historiador de formación e cinéfilo de paixón, o autor creou o sabuxo Frank Soutelo a partir de Un nicho para Marilyn, gañadora do Premio de Novela Manuel García Barros 2002. O xurado valorou “a temática infrecuente da obra dentro do panorama literario galego, a súa perfecta construción, o seu intenso ritmo narrativo e a súa frescura estilística”. Aquela peripecia converteuse nun éxito que asentou a un personaxe como un dos máis populares da nosa literatura policial.