domingo, 20 de enero de 2013

Algunhas claves interpretativas de Hora zulú


ZULU ou Hora Zulu, designa en usos militares e na navegación aérea o Tempo Universal Coordinado. ZULU representa a letra Z no código Intestán. O seu principal mérito é que permite usar como referencia unha hora en común e non as horas locais coas cales se requiría un proceso de transformación.

Cada fuso horario ten unha letra correlativa como identificación, comezando por Greenwich. Cando unha hora é dada en CUT, UTC ou Zulu, é en realidade a hora na lonxitude 0° a cal atravesa Greenwich, Inglaterra. Todos os fusos horarios arredor do mundo están establecidos en referencia á lonxitude 0° coñecida tamén como o meridiano de Greenwich.

 A obra de Santiago Lopo alude dende o seu propio título á quimera da detención do tempo, a ese devezo por frear o seu avance, por conseguir liberarse da súa tiranía. A iso dedica a vida o protagonista, a iso e a facer que o seu tempo transcorra co maior ben e máximo respecto para Pachamama, a deusa Xea, ese ente vivo que o planeta é e ao que os homes nos empeñamos en agredir con atentados antiecolóxicos.  O desastre do petroleiro Erika nas costas bretoas en decembro de 1999 xoga un papel decisivo no desenvolvemento argumental.

Para coñecer máis do autor e a da súa obra:

ENTREVISTA CON SANTIAGO LOPO no blog de Galaxia:
CRÍTICA LITERARIA blog da Asociación de Escritoras en Lingua Galega

Recollemos, a modo de esquema, algúns aspectos significativos:

- "A intriga de Hora zulú consiste na procura da identidade dunha persoa que aparece nunha praia, soa e sen saber quen é."

- "A tipoloxía textual variada (cartas, poesía, informes,…) axuda a diferenciar as voces narrativas e a identificarnos cos personaxes."

- "A estrutura da novela tenta emular un preciso mecanismo de reloxería: apreixar o lector e que non poida deixar a novela  porque descoñece o que o espera na páxina seguinte."

- "En varias pasaxes da novela aparece un centro de saúde mental e descríbese a vida que levan os internos, sempre dun xeito amable e con respecto."

 Hora zulú é  unha novela feita de fragmentos, de rexistros de moi distinta natureza, máis iso non quere dicir que careza dun centro oculto que faga cadrar as pezas desta novela-puzzle. No exercicio narrativo de Santiago Lopo relátase en efecto unha historia e eses fragmentos (poemas, informes hospitalarios, anexos dos mesmos, correos entre dous psiquiatras e cinco textos rotulados co título da novela) non denotan un caixón de xastre, senón que nos remiten a unha historia que un lector activo sabe apreixar".


Encontro co autor: luns 18 de febreiro, ás 18:45h



martes, 15 de enero de 2013

O mundo da infancia perdida

         Onte pola tarde tivo lugar unha nova xuntanza do club. Nesta ocasión para comentar a novela A miña planta de laranxa lima. A presentación da obra, cun enfoque sociocultural da mesma correu a cargo da profesora de Lingua e Literatura Galega, Moncha Neira quen fixo participar aos alí presentes da súa análise.  Falouse da evolución do barrio carioca de Bangú dos anos 20-30, (lugar onde se desenvolve a trama), do rol da muller e do home na obra, do papel da emigración e o seu reflexo nos apelidos e alcumes dos personaxes, do desemprego, do traballo na fábrica representada como un dragón que traga á xente, do papel dos fillos nas familias numerosas pobres, da violencia, a incultura, a tenrura, e como non,  tamén da importancia de saber ler nesa época.  O analfabetismo é un dos temas que está presente na películas Estación central do Brasil e Ciudad de Dios que complementan a lectura e axudan a comprender ese mundo vivido por Zezé, que tampouco nos é tan lonxano ao noso. 

Nunha escala do un ao dez a obra obtivo como media entre as valoracións recollidas a cualificación dun OITO.  Algúns dos comentarios coinciden en afirmar que se trata dunha obra sensible, aínda que moi triste. 
- "Encanoume e revivín un pouco os anos pasados". 
- "Provoca mucha ternura y es muy interesante, así como sorprendente".
-"Fantástica narración de vida que nos recorda os nosos primeiros anos".
- "Obra interesantísima, desde a perspectiva histórica e social. Tamén desde o punto de vista afectivo e de identificación co mundo da infancia perdida". 
- " Un libro con moito contido emociomal e cultural".
- "O realismo máxico e a inxenuidade do protagonista enmarcados na realidade cruel dunha  infancia vivida  no seo dunha familia pobre despertaron en min  fondas emocións que  revivín tamén en Estación central de Brasil. 


lunes, 14 de enero de 2013

Hora zulú de Santiago Lopo


Santiago Lopo é de Vigo e profesor de francés. Iniciouse profesionalmente traducindo guións cinematográficos para televisión. En 2006, gañou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, con Game Over. En 2009, publicou Peaxes e no 2012 acaba de obter o Premio García Barros coa súa última novela Hora zulú, publicada por Galaxia.  

Un home aparece ferido e nu ao pé dun acantilado. Ninguén, nin el mesmo, sabe quen é.  En Hora zulú combínanse textos diversos a través dos cales os lectores inician unha busca, coma se se tratase dun xogo que o autor lle propón a quen le. Mediante esa orixinal estrutura, Santiago Lopo mantén a intriga e a tensión narrativa de principio a fin, nunha novela que rompe barreiras, animándonos a soñar e a visitar o outro lado da nosa conciencia. Invitándonos a encontrar a liberdade. (Información da editorial)

 Pódese ler unha entrevista a Santiago Lopo e o seu comentario da novela Hora Zulú no blog de Galaxia.


Teremos a oportunidade de falar co autor e contrastar os nosos puntos de vista 
o luns 18 febreiro ás 18:45h, na biblioteca do centro.