lunes, 7 de diciembre de 2009

Ás de bolboreta de Rosa Aneiros


Na “Luzada”, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes de Ás de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009 que andamos a ler os que formamos parte do Club de lectura ENGÁNCHATE. Os correveidiles non agardan a xuntanza e andan a pregonar as andanzas dos personaxes que se atopan na Luzada:

As andanzas  de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. As de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. As de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. As de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. As dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén as de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e as da señora Filomena, e as de Ana, e as de Fiño…

O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”

Estamos convencidos que a novela dará moito do que falar.

Información recollida no blog de XERAIS
No vídeo vemos a Rosa Aneiros recollendo o premio. Dende aquí os parabéns!!





PRÓXIMA XUNTANZA!!!
LUNS 14 DE DECEMBRO!!!

No hay comentarios: