martes, 15 de enero de 2013

O mundo da infancia perdida

         Onte pola tarde tivo lugar unha nova xuntanza do club. Nesta ocasión para comentar a novela A miña planta de laranxa lima. A presentación da obra, cun enfoque sociocultural da mesma correu a cargo da profesora de Lingua e Literatura Galega, Moncha Neira quen fixo participar aos alí presentes da súa análise.  Falouse da evolución do barrio carioca de Bangú dos anos 20-30, (lugar onde se desenvolve a trama), do rol da muller e do home na obra, do papel da emigración e o seu reflexo nos apelidos e alcumes dos personaxes, do desemprego, do traballo na fábrica representada como un dragón que traga á xente, do papel dos fillos nas familias numerosas pobres, da violencia, a incultura, a tenrura, e como non,  tamén da importancia de saber ler nesa época.  O analfabetismo é un dos temas que está presente na películas Estación central do Brasil e Ciudad de Dios que complementan a lectura e axudan a comprender ese mundo vivido por Zezé, que tampouco nos é tan lonxano ao noso. 

Nunha escala do un ao dez a obra obtivo como media entre as valoracións recollidas a cualificación dun OITO.  Algúns dos comentarios coinciden en afirmar que se trata dunha obra sensible, aínda que moi triste. 
- "Encanoume e revivín un pouco os anos pasados". 
- "Provoca mucha ternura y es muy interesante, así como sorprendente".
-"Fantástica narración de vida que nos recorda os nosos primeiros anos".
- "Obra interesantísima, desde a perspectiva histórica e social. Tamén desde o punto de vista afectivo e de identificación co mundo da infancia perdida". 
- " Un libro con moito contido emociomal e cultural".
- "O realismo máxico e a inxenuidade do protagonista enmarcados na realidade cruel dunha  infancia vivida  no seo dunha familia pobre despertaron en min  fondas emocións que  revivín tamén en Estación central de Brasil. 


No hay comentarios: