martes, 26 de marzo de 2013

Makinaria de Carlos Negro


AUTOBIOGRAFÍA (Adaptación)
Fonte: BVG

        Nacín na vila de Lalín en1970; da infancia, lembro a rúa da Cacharela, a casa dos avós (Avenida de Buenos Aires, nº 1), a droguería con louza Duralex e pintura Titanlux (antes da invasión dos supermercados), os caramelos de nata (a peseta a unidade), os debuxos de Mazinguer Zeta (¡fuego de pecho!), os partidos de fútbol nas leiras (previos á especulación urbanística), o cheiro concentrado a laca na perruquería "Romero" (onde miña nai lles facía a manicura ás señoritas).

     Eu nunca fun un neno de aldea, mais a aldea entrou en min a través da casa de Agolada, avós paternos, estirpe de terra negra, muíño de fariña albeira, maquías e millo, tréqueles da Singer, a mesa de carpinteiro, as espadas de madeira, o banco comunal da cociña, a zorza e as filloas de sangue, o manto da chuvia na follaxe das parras, no tambor das uralitas... Desa memoria tamén procedo, aínda que eu falaba castellano, porque era un niño bueno.
        (...)
     
       Nos oitenta, fixen o Bacharelato no Instituto Público de Lalín; daquela lembro que eu era tímido, máis ben calado, retraído, atento e sixiloso. Eu estudiaba moito porque non era quen de ser rebelde, mentres os chicos malos fumaban descarados e ligaban coas mozas máis feitas (lei de vida). Daquela era o esplendor das discotecas: por exemplo, Krakatoa. E na banda sonora da adolescencia soaban Golpes Bajos, Alaska, Siniestro Total, Duncan Dhu, Radio Futura, Queen, Pink Floyd, The Cure...

     Do Instituto recordo a influencia de dous profesores: Luz Marina e Mario; eles foron responsables de que eu aceptase cánto me gustaba a literatura, a pesar de min mesmo, a pesar do meu apoucamento, a pesar de que eu, de maior, aínda non quería ser nada. Eles botaron a semente que me animou a estudiar Filoloxía en Santiago de Compostela. E aí comezou outra xeira.

      (...)
     Ó oficio poético cheguei relativamente tarde, a mediados dos noventa, case sen querer, sen reflexión previa do cómo e do por qué; pero cando rompín a escribir versos, souben, a posteriori, que a palabra se me estaba impoñendo como un instrumento para exercer a memoria e buscar a verdade (a miña memoria e a miña verdade); fun descubrindo un órgano subxectivo de comunicación e coñecemento, un terceiro pulmón invisible que me dota de osíxeno, unha bocalada de palabras que me respiran desde dentro, que non pretenden impoñer un sentido, senón que son en si mesmas o sentido inherente ó ritmo, nun fráxil equilibrio entre o racional e o intuído, entre a técnica exacta e o momento propicio.




Propoñemos para coñecer máis a este autor a lectura do seu poemario MAKINARIA. Unha obra dirixida aos lectores mozos, amantes da velocidade e o risco, cun destino que fai gala ao apelido do autor cando se actúa de forma inconsciente.
Imaxe e máiis información no Club de lectura dos retelladores da Estrada: lernolosada
Adiante cos poemas! A todo gas!!

Cliqueade no enlace despois de rematar a lectura para seguir esta guía interactiva feita por Rosa Salgueiro.

Que a disfrutedes!


No hay comentarios: