lunes, 4 de marzo de 2013

Valdemuller

Mina é a protagonista de Valdemuller, unha rapaza que cumpre 15 anos nunha familia de mulleres onde esa data ten un significado moi especial. Un dos agasallos que recibe é un colgante fermosísimo con forma de estrela dunha tía-avoa que non coñece. O misterio e a intriga xa están servidos no relato. Mina, coa axuda da súa tía Olga, emprenderá unha viaxe ao lugar de Valdemuller en busca da enigmática tía- avoa, na que descubrirá a súa capacidade para enfrontarse aos problemas por ela mesma. 





Vademuller, é unha desas obras que engaiolou  ao  director arxentino  Pablo Vergne, que  adaptou o texto da novela á linguaxe de marionetas convertendo "toda a narración en acción", sen deixar de lado a mensaxe da "procura das mulleres dun espazo de igualdade e respecto na sociedade". Ao tempo, que explorou na tradición galega para converter a viaxe iniciática de Mina nunha viaxe de misterios, con trasnos, ánimas en pena e coa Santa Compaña.


Mañá pola tarde,  encontro co autor Xosé A. neira Cruz. 

martes, 19 de febrero de 2013

Xosé A. Neira Cruz

Hai xa sete anos, no 2006 estivo no centro Xosé A. Neira Cruz que mantivo un encontro daquela co alumnado de 2º ESO. A súa visita foi un bo pretexto para iniciar os boletíns da Biblioteca. Sería un monográfico dedicado ao autor e a súa obra.  Pódese ollar no enlace.
O martes 5 de marzo contaremos de novo coa súa presenza, nesta ocasión para xuntarse cos membros do club de lectura.




Baltar,18/02/13 19:30 Hora zulú


Presentado polo profesor Juan Álvarez como o cuarto autor que foi distinguido polo premio García Barros que visita o club de lectura despois de Xosé Monteagudo, Jaureguizar e Miguel Anxo Fernández,  Santiago Lopo iniciou un diálogo fluído e cheo de matices que se estendeu case ao longo de dúas horas. Nese tempo xurdiron cuestións arredor do proceso de creación da novela e de como foi adquirindo forma, das distintas voces narrativas, dos personaxes e a linguaxe que os caracteriza, dos temas tratados na historia, da importancia do tempo, da tolemia,  da ecoloxía... para rematar coas dedicatorias e sinaturas de libros.



Algúns comentarios recollidos:
  • Lo primero agradecimiento profundo por la oportunidad brindada de compartir un rato agradable y enriquecedor. Un autor cercano y encantador, es un privilegio leer un libro y poder comentarlo con su creador. Gracias.
  • Lectura que me enganchou totalmente desde o primeiro momento. Moitas grazas por darnos estos libros.
  • Este libro gustoume,  sobre todo polas cousas que aprendes e as vivenzas que trasmite. E para volver a ler.
  • Gustoume a mezcla de xéneros.
  • Unha novela apaixoante desde a primeira páxina ata a última.
  • Un tipo encantador que encerra moitos segredos.
  • Sempre é un pracer e un auténtico privilexio poder compartir co autor a súa obra. Unha obra neste caso orixinal pola súa estructura e a temática tratada. Unha obra seria dun autor que promete un gran futuro para as nosas letras.
Valoración da novela: 9'3



miércoles, 13 de febrero de 2013

Entrevista a Santiago Lopo no Zigzag Diario

Entrevistado por María Solar no programa cultural galego, Zigzag Diario, Santiago Lopo desvela os motivos da escrita da súa última novela que está a sorprender á crítica e lectores.



 
 

domingo, 20 de enero de 2013

Algunhas claves interpretativas de Hora zulú


ZULU ou Hora Zulu, designa en usos militares e na navegación aérea o Tempo Universal Coordinado. ZULU representa a letra Z no código Intestán. O seu principal mérito é que permite usar como referencia unha hora en común e non as horas locais coas cales se requiría un proceso de transformación.

Cada fuso horario ten unha letra correlativa como identificación, comezando por Greenwich. Cando unha hora é dada en CUT, UTC ou Zulu, é en realidade a hora na lonxitude 0° a cal atravesa Greenwich, Inglaterra. Todos os fusos horarios arredor do mundo están establecidos en referencia á lonxitude 0° coñecida tamén como o meridiano de Greenwich.

 A obra de Santiago Lopo alude dende o seu propio título á quimera da detención do tempo, a ese devezo por frear o seu avance, por conseguir liberarse da súa tiranía. A iso dedica a vida o protagonista, a iso e a facer que o seu tempo transcorra co maior ben e máximo respecto para Pachamama, a deusa Xea, ese ente vivo que o planeta é e ao que os homes nos empeñamos en agredir con atentados antiecolóxicos.  O desastre do petroleiro Erika nas costas bretoas en decembro de 1999 xoga un papel decisivo no desenvolvemento argumental.

Para coñecer máis do autor e a da súa obra:

ENTREVISTA CON SANTIAGO LOPO no blog de Galaxia:
CRÍTICA LITERARIA blog da Asociación de Escritoras en Lingua Galega

Recollemos, a modo de esquema, algúns aspectos significativos:

- "A intriga de Hora zulú consiste na procura da identidade dunha persoa que aparece nunha praia, soa e sen saber quen é."

- "A tipoloxía textual variada (cartas, poesía, informes,…) axuda a diferenciar as voces narrativas e a identificarnos cos personaxes."

- "A estrutura da novela tenta emular un preciso mecanismo de reloxería: apreixar o lector e que non poida deixar a novela  porque descoñece o que o espera na páxina seguinte."

- "En varias pasaxes da novela aparece un centro de saúde mental e descríbese a vida que levan os internos, sempre dun xeito amable e con respecto."

 Hora zulú é  unha novela feita de fragmentos, de rexistros de moi distinta natureza, máis iso non quere dicir que careza dun centro oculto que faga cadrar as pezas desta novela-puzzle. No exercicio narrativo de Santiago Lopo relátase en efecto unha historia e eses fragmentos (poemas, informes hospitalarios, anexos dos mesmos, correos entre dous psiquiatras e cinco textos rotulados co título da novela) non denotan un caixón de xastre, senón que nos remiten a unha historia que un lector activo sabe apreixar".


Encontro co autor: luns 18 de febreiro, ás 18:45h



martes, 15 de enero de 2013

O mundo da infancia perdida

         Onte pola tarde tivo lugar unha nova xuntanza do club. Nesta ocasión para comentar a novela A miña planta de laranxa lima. A presentación da obra, cun enfoque sociocultural da mesma correu a cargo da profesora de Lingua e Literatura Galega, Moncha Neira quen fixo participar aos alí presentes da súa análise.  Falouse da evolución do barrio carioca de Bangú dos anos 20-30, (lugar onde se desenvolve a trama), do rol da muller e do home na obra, do papel da emigración e o seu reflexo nos apelidos e alcumes dos personaxes, do desemprego, do traballo na fábrica representada como un dragón que traga á xente, do papel dos fillos nas familias numerosas pobres, da violencia, a incultura, a tenrura, e como non,  tamén da importancia de saber ler nesa época.  O analfabetismo é un dos temas que está presente na películas Estación central do Brasil e Ciudad de Dios que complementan a lectura e axudan a comprender ese mundo vivido por Zezé, que tampouco nos é tan lonxano ao noso. 

Nunha escala do un ao dez a obra obtivo como media entre as valoracións recollidas a cualificación dun OITO.  Algúns dos comentarios coinciden en afirmar que se trata dunha obra sensible, aínda que moi triste. 
- "Encanoume e revivín un pouco os anos pasados". 
- "Provoca mucha ternura y es muy interesante, así como sorprendente".
-"Fantástica narración de vida que nos recorda os nosos primeiros anos".
- "Obra interesantísima, desde a perspectiva histórica e social. Tamén desde o punto de vista afectivo e de identificación co mundo da infancia perdida". 
- " Un libro con moito contido emociomal e cultural".
- "O realismo máxico e a inxenuidade do protagonista enmarcados na realidade cruel dunha  infancia vivida  no seo dunha familia pobre despertaron en min  fondas emocións que  revivín tamén en Estación central de Brasil. 


lunes, 14 de enero de 2013

Hora zulú de Santiago Lopo


Santiago Lopo é de Vigo e profesor de francés. Iniciouse profesionalmente traducindo guións cinematográficos para televisión. En 2006, gañou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, con Game Over. En 2009, publicou Peaxes e no 2012 acaba de obter o Premio García Barros coa súa última novela Hora zulú, publicada por Galaxia.  

Un home aparece ferido e nu ao pé dun acantilado. Ninguén, nin el mesmo, sabe quen é.  En Hora zulú combínanse textos diversos a través dos cales os lectores inician unha busca, coma se se tratase dun xogo que o autor lle propón a quen le. Mediante esa orixinal estrutura, Santiago Lopo mantén a intriga e a tensión narrativa de principio a fin, nunha novela que rompe barreiras, animándonos a soñar e a visitar o outro lado da nosa conciencia. Invitándonos a encontrar a liberdade. (Información da editorial)

 Pódese ler unha entrevista a Santiago Lopo e o seu comentario da novela Hora Zulú no blog de Galaxia.


Teremos a oportunidade de falar co autor e contrastar os nosos puntos de vista 
o luns 18 febreiro ás 18:45h, na biblioteca do centro. 


viernes, 14 de diciembre de 2012

Brasil, Brasil

Publicada por primeira vez en 1968,  A miña planta de laranxa lima é a emocionante historia dun neno ao que a vida fará adulto precozmente. Nesta novela, José Mauro de Vasconcelos recreou os seus recordos de infancia no barrio carioca de Bangú cun lirismo e unha tenrura que cautivaron ós lectores dende a súa aparición e que a converteron nun dos libros máis lidos da literatura brasileira contemporánea.

Neste vídeo, Soledad Felloza, actriz e contacontos uruguaia, afincada en Galicia preséntanos este libro e o que supuxo para ela na súa vida.


A editorial  Libros del Asteroide permite gozar de moitas das melodías que se entoan no libro. Dende as tristes notas da nai no lavadoiro, ata as xeniais interpretacións do señor Ariovaldo e os tangos que emocionaban a Zezé.

Da lectura e da palabra escrita pasamos a deleitarnos coa música para agora poñerlle rostro ós personaxes da historia. O director Aurélio Teixeira fixo unha versión cinematográfica da novela no ano 1970. Esta é a presentación da película. 


Ao ler a historia contada por Vasconcelos non podemos obviar dúas películas ambientadas no Brasil e que reflexan a sociedade dos anos 60-70, o mundo da infancia, a pobreza, a importancia da cultura, a inxenuidade, o afán de supervivencia... Estamos a falar de Estación central de Brasil e tamén dalgún xeito de Ciudad de Dios. 

Estación Central de Brasil invítanos a reflexionar sobre a situación de vulnerabilidade na que se encontra a infancia. ao mesmon tempo que da a coñecer as distintas manifestacións cotiás dos problemas do empobrecemento, temas ámbolos dous presentes no libro de Vasconcelos. 


Cuidad de Dios é unha obra extraordinaria de gran contido social que nos permite un achegamento á dura realidade da marginalización urbana en Latinoamérica entre os anos sesenta e os oitenta, centrada no mundo das favelas brasileñas e a situación que viven os nenos nun ambiente de violencia.