lunes, 7 de diciembre de 2009

Ás de bolboreta de Rosa Aneiros


Na “Luzada”, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes de Ás de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009 que andamos a ler os que formamos parte do Club de lectura ENGÁNCHATE. Os correveidiles non agardan a xuntanza e andan a pregonar as andanzas dos personaxes que se atopan na Luzada:

As andanzas  de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. As de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. As de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. As de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. As dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén as de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e as da señora Filomena, e as de Ana, e as de Fiño…

O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”

Estamos convencidos que a novela dará moito do que falar.

Información recollida no blog de XERAIS
No vídeo vemos a Rosa Aneiros recollendo o premio. Dende aquí os parabéns!!





PRÓXIMA XUNTANZA!!!
LUNS 14 DE DECEMBRO!!!

lunes, 2 de noviembre de 2009

9 NOVEMBRO, AÍNDA QUE CHOVA !¡

A chegada destas chuvias parece deixar atrás definitivamente a temporada primaveral que viñamos disfrutando. O cambio metereolóxico marca para nós o  inicio da nova andaina do Club de lectura. O vindeiro día NOVE terá lugar a primeira xuntanza ás SETE da tarde na Biblioteca. Refuxiarémonos e poñerémonos a bo recaudo para presentar as lecturas do novo curso. Agardámosvos.!!


A foto é unha das imaxes seleccionadas no concurso de fotografía 2009 O pracer de ler convocado pola BM do Porriño. Se queredes visitar a galería premede na ligazón. Todo un pracer tamén para a vista.

viernes, 26 de junio de 2009

Ámote vermella


Con este libro de poesía recén chegado á Biblioteca queremos despedir este curso, non sen antes de recomendar a súa lectura. É un libro fermoso pola edición, escrito todo en vermello, e tamén pola idea. Está adicado ás mulleres víctimas do 36. Os retratos feitos por Sara Lamas aportan os nomes e apelidos destas mulleres "esquecidas entre os esquecidos", ás que Claudio Rodríguez Fer homenaxea reivindicando a súa memoria con poemas coma este:

Humilla a humillación a quen humilla.
A pillaxe, a rapina, a incautación
de todo non son máis
que libros de cinza
nas poutas postizas dos saqueadores.

Tiñan en contra o seu contorno
Elas so posuían a desposesión.
Pero queríanse ata abismos
inaccesibles aos impostores.
Porque só se ama
dende o desprendemento.
Triste é ser mesquiño na vinganza.
Roubaron os bens
pero non o ben.
Borraron e queimaron
os símbolos tanxibles.
Mais a refén foi bandeira
de dignidade invicta
en propia praza.
Poema en lembranza de Esther Casares e a súa filla Esther Varela, retidas como reféns durante 19 anos polo feito de ser filla e neta de Santiago Casares Quiroga.
Se vos apetece ler máis poesía este verán atoparedes máis suxestións en Bibliomanía.
Bo verán de refrescantes lecturas!!!!!

jueves, 25 de junio de 2009

A memoria da humanidade

Pisei por vez primeira esta illa o 14 de setembro de 2001, tres días despois de ver na televisión como se derrubaban as torres xemelgas de New York, naquel 11 de setembro que me fixo retrotraer no tempo e lembrar a mesma data, pero de 1973, e a onda de morte que se abateu sobre o Chile de Allende tras o feroz golpe de Estado, unha marca indeleble para a miña xeración.

Cheguei a San Simón, daquela aínda cos edificios sen restaurar, co corazón batendo exaltado no meu peito. Viña cun permiso especial para permanecer aquí durante todo o día, coa única compaña do señor Ramón e dos seus cans. De Cesantes só me separaban uns centos de metros, mais axiña me decatei de que acababa de entrar nun ámbito moi especial, nun deses lugares que gardan, coma nun aleph borgiano, a memoria da humanidade. Unha memoria milenaria, porque ata min chegaban os ecos dos versos do trobeiro e o balbordo de voces que daban conta da intensa historia vivida neste barco de pedra ancorado no fondo da ría. As voces que eu viña buscando eran máis recentes. Eran as do sufrimento, as da angustia ante os «paseos» nocturnos, as do terror. O edificio situado fronte á capela, que agora aparece coma do trinque, estaba daquela devorado polo abandono, cos ocos das ventás escuros e silenciosos coma cuncas de caveira, unha lembranza aceda de canto alí dentro sucedera. As voces parecían falarme con ansiosa intensidade porque, daquela, eu andaba embarcado na escrita dunha novela
que era coma un corpo aberto para esas voces. Unha novela que acabaría por se chamar Noite de voraces sombras, un título tirado do máis conmovedor poema de José Ángel Valente, e que ten como centro o mínimo cemiterio de Santo Antonio, salvado milagrosamente dunha restauración que borrou todas as pegadas do horror que se viviu aquí.(...)
Así comeza o discurso Oito doas para San Simón pronunciado por Agustín Fernández Paz o día 6 de xuño de 2009 na illa de San Simón con motivo da celebración do XXVIº Premios Xerais.
Un discurso longamente aplaudido pola súa defensa do papel da creación literaria en lingua galega.(Para escoitalo podes facelo a través de BRÉTEMAS.)
Escribir en galego como forma de participar na cultura da humanidade e escribir sobre a memoria do acontecido preto de nós. A illa de San Simón é o escenario das novelas lidas neste curso , e ata alí viaxaron os membros do CLUB revivindo o lido, poñendo realidade a ficción.

miércoles, 6 de mayo de 2009

Manuel Rivas, a súa voz.

Manuel Rivas, fala do que significa para el o proceso da escritura, da súa ultima obra publicada e tamén do que ten entre mans nestes momentos. Escoitemos a súa voz, recollamos as súas palabras de quen é capaz de crear e recrear historias que son xa universais.

miércoles, 15 de abril de 2009

O lápis do carpinteiro.


¿Por que se titula así o libro? O lápis vermello é un obxecto común e familiar que situamos na orella dos carpinteiros. ¿Que importancia terá nesta historia contada por Manuel Rivas para que lle otorgue a relevancia de aparecer no título como se se tratara do protagonista da novela?
Deixo aquí un fragmento da novela para ir colléndolle o gusto.

Marisa, corazón, ponnos algo de beber para que saia ben a esquela. ¡Que cousas tes!, exclamou ela. Non fagas esas bromas. O reporteiro Sousa ía negarse pero decatouse de que sería un erro rexeitar un grolo. O corpo estáballo a pedir dende había horas, o grolo, o maldito grolo, estáballo a pedir des que se erguera e, naquel intre, soubo que dera cun deses feiticeiros que le na mente dos demais. ¿Non será vostede un señor Hache-Dous-O? Non, dixo el seguindo a ironía, o meu problema non é precisamente a auga. "

viernes, 27 de marzo de 2009

Marina Mayoral



Recollo da web oficial de Marina Mayoral unha crítica aparecida no xornal "La voz de Galicia " o dous marzo de 1995, cando a súa obra Tristes armas acababa de publicarse.
A pluma de Marina Mayoral tralla nos últimos meses a fume de carozo. Recén publicada en castelán Recóndita Armonía, presenta agora Tristes armas, unha romántica viaxe ós días convulsos da Guerra Civil española. Cun desenrolo narrativo próximo ó folletín – no senso máis nobre do termo - , Mayoral conta de xeito áxil a historia duns «nenos da guerra», separados dos seus pais e levados a Rusia. Pero a fin de contas, a escritora mindoniense apáñase para converter o amor no fío do conto. «No fondo é unha historia de amor, como tódalas miñas. Cando se rachan os vínculas da terra só queda o amor».
Mayoral, que vive en Madrid, emprega un galego sínxelo: «Góstame o galego da rúa.
A escritora conta que xamais dubida á hora de escribir en galego ou en castelán: «E algo misterioso. Algunhas historias síntoas en galego e non podo contalas noutra lingua».
Dende o ano 1995 pasaron xa catorce anos e esta historia tenra e aparentemente inocente, segue cautivándonos. Tal vez unha das claves reside en que a autora sabe misturar dunha forma moi sutil unha fermosa historia de amor baixo o telón de fondo dos desterrados da guerra do 36. Na xuntanza do martes 31, veremos un documental sobre os nenos de Rusia.Non o perdades !!!


TRISTES GUERRAS
SI NO ES AMOR LA EMPRESA.
TRISTES. TRISTES.

TRISTES ARMAS
SI NO SON LAS PALABRAS.
TRISTES. TRISTES.

TRISTES HOMBRES
SI NO MUEREN DE AMORES.
TRISTES. TRISTES.

Miguel Hernández

miércoles, 11 de marzo de 2009

Tristes armas

Harmonía e Rosa, as dúas protagonistas desta novela foron “nenas da guerra”. O seu pai combatía na fronte e a súa nai traballaba de enfermeira atendendo aos feridos do bando republicano. En Rusia, as irmás empezan unha nova vida. A obra narra as vicisitudes das protagonistas con veracidade e tenrura. Non só evoca un feito histórico, senón que reconstrúe e humaniza a historia coa mirada centrada nos seus protagonistas. Fixa a atención na repercusión que ese feito tivo nas súas vidas, nos seus sentimentos, anhelos e esforzos por abrirse camiño a partir de entón.
No blog Caderno de 3ºA, podes ler varios comentarios acerca desta lectura.
¿ Coincides coas súas opinións?

martes, 3 de febrero de 2009

Tarde de luz




Sanxenxo. Xoves 29 de xaneiro.Cinco da tarde. Ceo gris e vento. Ameaza chuvia.
Entramos na sede de Caixagalicia. Axiña Agustín Fernández Paz fala para todos, dinámico, seguro e vainos envolvendo pouco a pouco coas súas palabras.
Velaquí os comentarios dos máis novos do club:
"Simpático, é simpático; sabe recoñecer as súas manías. De quen falo? Falo de Agustín Fernández Paz. Logrei falar con el e preguntarle dúbidas. E fíxome pasar un moi bo rato. Foi un día excepcional, que recordarei e contarei a todo o mundo. E direi que me sorprendeu moito.
Agustín é un personaxe de libro, por que? Porque non é tan serio coma imaxinaba, senón que é despreocupado. Non é coma outros; serio, rexio, nen sequera é respectuoso consego mesmo.
Agustín é un personaxe do máis alegre. Gústalle escribir en follas amarelas e sempre na mesma libreta.
Fíxome saber que a historia non se esquece e si que se aprende. El non puido aprendela, pero lle tería gustado. Transmítenos iso porque é moi importante non esquecer o vivido. Isto é precisamente o que descubre Sara, a protagonista de Noite de voraces sombras." Hugo.

"O 29 de xaneiro veu Agustín Fernández Paz a falar só con nós, os do club de lectura Engánchate. Eu, a verdade é que o pasei xenial. Tiñamos diante de nós uns doces que entraban polos ollos e unha sala só para nós. Brais.
"O feito de estar con Agustín Fernández Paz foi agradable. Estar con el foi unha boa experiencia. Creo que intentou demostrar que era unha persoa coma nós, só que dotada dun don excepcional. Unha das súas frases coas que me quedei foi:" Calquera novela é coma un anaco de pana. Son fíos que se xuntan, para formar unha historia".
A súa visita guiome no meu camiño á hora de escribir. Deume o empuxón que necesitaba."Marta
"Coñecer un escritor na realidade como o fixemos o pasado xoves 29 de xaneiro, vaime resultar inesquecible.
Os membros do club de lectura reunímonos ese día para coñecer a Agustín Fernández Paz, o escritor de "Noites de voraces sombras". O encontro foi na Fundación Caixagalicia, onde nos levaron a unha sala na que permanecimos durante toda a reunión. Unha das cousas que máis me gustaron do escritor, foi cando nos explicou como creaba aos seus personaxes, "collo un fío desa rapaza loura, outro daqueloutra, outro desta que está ao meu lado...e reúnoos con moitos fíos máis. Logo, trenzo eses fíos e fago unha corda, esa corda é un dous meus personaxes". Encantáronme esas palabras, foron realmente bonitas. Creo que sen ningunha dúbida, en Galicia temos a grandes escritores, e deberíamos empezar a valoralos tal e como se merecen, como verdadeiros artistas. " Ana
"A noite de voraces sombras" pasou ser unha tarde clara, resplandecente de luz.
Grazas, Agustín polo tempo, polas palabras, pola túa xenerosidade.
Dende Sanxenxo, seguiremos atentos os teus pasos.
A vindeira xuntanza será o MARTES 17 de FEBREIRO ás 19 horas, na Biblioteca do instituto.
Seguimos con NOITE DE VORACES SOMBRAS!!!
Proxectaremos AILLADOS, seguindo a recomendación de Agustín Fernández Paz.

lunes, 19 de enero de 2009

Noite de voraces sombras e o 36

As cartas que atopa Sara do seu tío lle descubren un periodo da historia de España que non podemos ignorar. Lede as citas que o profesor Juan seleccionou; pódense sinalar no libro, recollelas no pasaporte lector, no diario de lecturas... Sen dúbida farannos reflexionar e darannos moito do que falar.

As últimas cartas, as do ano 1936, eran distintas. Aínda que as manifestacións de amor seguían presentes…era doado percibir unha mestura de desacougo e temor polos acontecementos que estaban a ocorrer en Galicia e en España. Xullo debera ser un mes terrible…” Páx 75

“ Os sublevados teñen agora todo o poder, e non queren deixar nada en pe que non se axuste a súa concepción do mundo…Para eles ademais de “rojos ” somos “ separatistas ”, así é como nos chaman. Un só destes cargos xa é suficiente para que a nosa vida non valla nada.” Páx. 76.

“ A María Prieto, a mestra de aquí, de Carral, mallárona a paos e rapáronlle o pelo ao cero, despois levárona pola rúa atada por unha corda coma se fose un animal…” Páx 76-77

“ Por aquí aparecen homes asesinados nas cunetas, un día si e outro tamén…Toda xente inocente, o seu delicto foi defender a legalidade e os avances da República.” Páx 77.

“ Así foi como souben que, despois da sublevación militar de xullo contra o goberno da República, e tras varios intentos inútiles de comunicarse con Sara, o tío abandonara a súa casa, pois un mestre de Burela co que mantiña unha boa relación aparecera asesinado na praia de Area Grande…” Páx 81.

“¿E que sabes desa guerra tan terrible que a avoa non quería nin lembrar? Seguramente nada, catro cousas mal contadas, porque andamos a edificar sobre a desmemoria…
- Hai anos, quizais nin te acordas, chegaches un día do colexio contando o que o profesor vos explicara da guerra civil: unha liorta entre irmáns, onde os dous bandos tiveran a mesma culpa…Lembro que calei…aquel día lle dei unha labazada á memoria do meu tío e de todas as persoas que, coma el, un día soñaron un mundo diferente.” Páx 103

Pois o medo dos anos da guerra quedoulles metido no corpo para sempre;ou quizais por afastar as lembranzas amargas.”Páx 106

“ Dentro do que cabe, tivo sorte, porque a outros coma el matáronos. Cos que máis se asañaron foi cos que, coma o tío, eran mestres progresistas.” Páx 107.
Documentación aportada por JUAN.

domingo, 18 de enero de 2009

Noite de voraces sombras. Viveiro


"Viveiro e os días de agosto xa son só unha lembranza", di Sara ao comezo da obra cando mira ao lonxe o mar dende a fiestra do seu cuarto, un mar que lle trae á memoria o que vía todas as noites desde o balcón da casa de Viveiro, onde acostuma pasar as vacacións.
A novela transcorre nesta vila costeira do norte de Galicia. Aquí, en Sanxenxo, tamén moita xente acostuma a pasar as súas vacacións de verán. ¿ Atopades diferencias cos veráns no Cantábrico ?

O MARTES 20, NA HORA DO RECREO CONVERSAMOS ... XUNTANZA !!!!

O MARTES 20 POLA TARDE ÁS 17h.... XUNTANZA DOS MAIORES !!!!!



Máis información de Noite de voraces sombras en Galipedia.