Mostrando entradas con la etiqueta a guerra do 36. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta a guerra do 36. Mostrar todas las entradas

domingo, 9 de mayo de 2010

Con Rosa Aneiros


O club iniciou este ano a súa andaina literaria con As de bolboreta de Rosa Aneiros e finaliza con Sol de inverno, tamén da mesma autora.  A xuntanza tivo lugar na sede da Fundación CaixaGalicia, que amablemente cedeu as súas magníficas instalacións para este evento.

Rosa Aneiros declarou, cando recibiu o premio Xerais 2009 por Sol de Inverno  que “nesta novela quería contar a historia dunha nena, Inverno, a que lle roubaron a infancia, ese paraíso de Antes, e como ao longo de toda a súa vida pelexa por retronar e recuperar ese paraíso. Inverno tenta sempre regresar, especialmente cando vive en Cuba en contacto coa comunidade de emigrantes galegos, aí nese treito da narración, quixen recuperar a memoria da miña propia infancia”.  Rosa Aneiros perfilou  a Inverno como "un personaxe completo que loita polos seus ideais, mais tamén polos ideais de outros, que sinte tan preto como os propios”.

Unha tarde da que se falou tamén de As de Bolboreta e na que os rapaces e rapazas adquiriron un protagonismo especial da man da autora. Grazas!




viernes, 26 de junio de 2009

Ámote vermella


Con este libro de poesía recén chegado á Biblioteca queremos despedir este curso, non sen antes de recomendar a súa lectura. É un libro fermoso pola edición, escrito todo en vermello, e tamén pola idea. Está adicado ás mulleres víctimas do 36. Os retratos feitos por Sara Lamas aportan os nomes e apelidos destas mulleres "esquecidas entre os esquecidos", ás que Claudio Rodríguez Fer homenaxea reivindicando a súa memoria con poemas coma este:

Humilla a humillación a quen humilla.
A pillaxe, a rapina, a incautación
de todo non son máis
que libros de cinza
nas poutas postizas dos saqueadores.

Tiñan en contra o seu contorno
Elas so posuían a desposesión.
Pero queríanse ata abismos
inaccesibles aos impostores.
Porque só se ama
dende o desprendemento.
Triste é ser mesquiño na vinganza.
Roubaron os bens
pero non o ben.
Borraron e queimaron
os símbolos tanxibles.
Mais a refén foi bandeira
de dignidade invicta
en propia praza.
Poema en lembranza de Esther Casares e a súa filla Esther Varela, retidas como reféns durante 19 anos polo feito de ser filla e neta de Santiago Casares Quiroga.
Se vos apetece ler máis poesía este verán atoparedes máis suxestións en Bibliomanía.
Bo verán de refrescantes lecturas!!!!!

jueves, 25 de junio de 2009

A memoria da humanidade

Pisei por vez primeira esta illa o 14 de setembro de 2001, tres días despois de ver na televisión como se derrubaban as torres xemelgas de New York, naquel 11 de setembro que me fixo retrotraer no tempo e lembrar a mesma data, pero de 1973, e a onda de morte que se abateu sobre o Chile de Allende tras o feroz golpe de Estado, unha marca indeleble para a miña xeración.

Cheguei a San Simón, daquela aínda cos edificios sen restaurar, co corazón batendo exaltado no meu peito. Viña cun permiso especial para permanecer aquí durante todo o día, coa única compaña do señor Ramón e dos seus cans. De Cesantes só me separaban uns centos de metros, mais axiña me decatei de que acababa de entrar nun ámbito moi especial, nun deses lugares que gardan, coma nun aleph borgiano, a memoria da humanidade. Unha memoria milenaria, porque ata min chegaban os ecos dos versos do trobeiro e o balbordo de voces que daban conta da intensa historia vivida neste barco de pedra ancorado no fondo da ría. As voces que eu viña buscando eran máis recentes. Eran as do sufrimento, as da angustia ante os «paseos» nocturnos, as do terror. O edificio situado fronte á capela, que agora aparece coma do trinque, estaba daquela devorado polo abandono, cos ocos das ventás escuros e silenciosos coma cuncas de caveira, unha lembranza aceda de canto alí dentro sucedera. As voces parecían falarme con ansiosa intensidade porque, daquela, eu andaba embarcado na escrita dunha novela
que era coma un corpo aberto para esas voces. Unha novela que acabaría por se chamar Noite de voraces sombras, un título tirado do máis conmovedor poema de José Ángel Valente, e que ten como centro o mínimo cemiterio de Santo Antonio, salvado milagrosamente dunha restauración que borrou todas as pegadas do horror que se viviu aquí.(...)
Así comeza o discurso Oito doas para San Simón pronunciado por Agustín Fernández Paz o día 6 de xuño de 2009 na illa de San Simón con motivo da celebración do XXVIº Premios Xerais.
Un discurso longamente aplaudido pola súa defensa do papel da creación literaria en lingua galega.(Para escoitalo podes facelo a través de BRÉTEMAS.)
Escribir en galego como forma de participar na cultura da humanidade e escribir sobre a memoria do acontecido preto de nós. A illa de San Simón é o escenario das novelas lidas neste curso , e ata alí viaxaron os membros do CLUB revivindo o lido, poñendo realidade a ficción.

miércoles, 15 de abril de 2009

O lápis do carpinteiro.


¿Por que se titula así o libro? O lápis vermello é un obxecto común e familiar que situamos na orella dos carpinteiros. ¿Que importancia terá nesta historia contada por Manuel Rivas para que lle otorgue a relevancia de aparecer no título como se se tratara do protagonista da novela?
Deixo aquí un fragmento da novela para ir colléndolle o gusto.

Marisa, corazón, ponnos algo de beber para que saia ben a esquela. ¡Que cousas tes!, exclamou ela. Non fagas esas bromas. O reporteiro Sousa ía negarse pero decatouse de que sería un erro rexeitar un grolo. O corpo estáballo a pedir dende había horas, o grolo, o maldito grolo, estáballo a pedir des que se erguera e, naquel intre, soubo que dera cun deses feiticeiros que le na mente dos demais. ¿Non será vostede un señor Hache-Dous-O? Non, dixo el seguindo a ironía, o meu problema non é precisamente a auga. "

viernes, 27 de marzo de 2009

Marina Mayoral



Recollo da web oficial de Marina Mayoral unha crítica aparecida no xornal "La voz de Galicia " o dous marzo de 1995, cando a súa obra Tristes armas acababa de publicarse.
A pluma de Marina Mayoral tralla nos últimos meses a fume de carozo. Recén publicada en castelán Recóndita Armonía, presenta agora Tristes armas, unha romántica viaxe ós días convulsos da Guerra Civil española. Cun desenrolo narrativo próximo ó folletín – no senso máis nobre do termo - , Mayoral conta de xeito áxil a historia duns «nenos da guerra», separados dos seus pais e levados a Rusia. Pero a fin de contas, a escritora mindoniense apáñase para converter o amor no fío do conto. «No fondo é unha historia de amor, como tódalas miñas. Cando se rachan os vínculas da terra só queda o amor».
Mayoral, que vive en Madrid, emprega un galego sínxelo: «Góstame o galego da rúa.
A escritora conta que xamais dubida á hora de escribir en galego ou en castelán: «E algo misterioso. Algunhas historias síntoas en galego e non podo contalas noutra lingua».
Dende o ano 1995 pasaron xa catorce anos e esta historia tenra e aparentemente inocente, segue cautivándonos. Tal vez unha das claves reside en que a autora sabe misturar dunha forma moi sutil unha fermosa historia de amor baixo o telón de fondo dos desterrados da guerra do 36. Na xuntanza do martes 31, veremos un documental sobre os nenos de Rusia.Non o perdades !!!


TRISTES GUERRAS
SI NO ES AMOR LA EMPRESA.
TRISTES. TRISTES.

TRISTES ARMAS
SI NO SON LAS PALABRAS.
TRISTES. TRISTES.

TRISTES HOMBRES
SI NO MUEREN DE AMORES.
TRISTES. TRISTES.

Miguel Hernández

miércoles, 11 de marzo de 2009

Tristes armas

Harmonía e Rosa, as dúas protagonistas desta novela foron “nenas da guerra”. O seu pai combatía na fronte e a súa nai traballaba de enfermeira atendendo aos feridos do bando republicano. En Rusia, as irmás empezan unha nova vida. A obra narra as vicisitudes das protagonistas con veracidade e tenrura. Non só evoca un feito histórico, senón que reconstrúe e humaniza a historia coa mirada centrada nos seus protagonistas. Fixa a atención na repercusión que ese feito tivo nas súas vidas, nos seus sentimentos, anhelos e esforzos por abrirse camiño a partir de entón.
No blog Caderno de 3ºA, podes ler varios comentarios acerca desta lectura.
¿ Coincides coas súas opinións?

lunes, 19 de enero de 2009

Noite de voraces sombras e o 36

As cartas que atopa Sara do seu tío lle descubren un periodo da historia de España que non podemos ignorar. Lede as citas que o profesor Juan seleccionou; pódense sinalar no libro, recollelas no pasaporte lector, no diario de lecturas... Sen dúbida farannos reflexionar e darannos moito do que falar.

As últimas cartas, as do ano 1936, eran distintas. Aínda que as manifestacións de amor seguían presentes…era doado percibir unha mestura de desacougo e temor polos acontecementos que estaban a ocorrer en Galicia e en España. Xullo debera ser un mes terrible…” Páx 75

“ Os sublevados teñen agora todo o poder, e non queren deixar nada en pe que non se axuste a súa concepción do mundo…Para eles ademais de “rojos ” somos “ separatistas ”, así é como nos chaman. Un só destes cargos xa é suficiente para que a nosa vida non valla nada.” Páx. 76.

“ A María Prieto, a mestra de aquí, de Carral, mallárona a paos e rapáronlle o pelo ao cero, despois levárona pola rúa atada por unha corda coma se fose un animal…” Páx 76-77

“ Por aquí aparecen homes asesinados nas cunetas, un día si e outro tamén…Toda xente inocente, o seu delicto foi defender a legalidade e os avances da República.” Páx 77.

“ Así foi como souben que, despois da sublevación militar de xullo contra o goberno da República, e tras varios intentos inútiles de comunicarse con Sara, o tío abandonara a súa casa, pois un mestre de Burela co que mantiña unha boa relación aparecera asesinado na praia de Area Grande…” Páx 81.

“¿E que sabes desa guerra tan terrible que a avoa non quería nin lembrar? Seguramente nada, catro cousas mal contadas, porque andamos a edificar sobre a desmemoria…
- Hai anos, quizais nin te acordas, chegaches un día do colexio contando o que o profesor vos explicara da guerra civil: unha liorta entre irmáns, onde os dous bandos tiveran a mesma culpa…Lembro que calei…aquel día lle dei unha labazada á memoria do meu tío e de todas as persoas que, coma el, un día soñaron un mundo diferente.” Páx 103

Pois o medo dos anos da guerra quedoulles metido no corpo para sempre;ou quizais por afastar as lembranzas amargas.”Páx 106

“ Dentro do que cabe, tivo sorte, porque a outros coma el matáronos. Cos que máis se asañaron foi cos que, coma o tío, eran mestres progresistas.” Páx 107.
Documentación aportada por JUAN.