Son vinte relatos curtos de diferente extensión, que teñen como fío condutor o humor, a fina ironía e a retranca dun agudo observador da realidade como o é o seu autor Núñez Singala. Menú de enganos recolle o mundo das apariencias, aquelo que cremos que é e resulta non ser, para tocar os temas más candentes de actualidade cunha mirada crítica e ás veces incluso despiadada. Así, pasean polas páxinas do libro unha sociedade burguesa e acomodada con falsos compromisos, con valores materiais ou simplemente anécdotas que se convirten en fondos sentimentos adquiridos nalgunha etapa das nosas vidas.
Os relatos que máis gustaron aos lectores e lectoras do club son Trampas , O castigo, Solidariedade occidental, Inculturación, Primeiro de maio... En canto A rapaza do bikini verde, baseado nun relato autobiográfico, xenera certa controversia, pois hai a quen lle gustou moito e a outros non tanto, xunto con Clarividencia ou A mensaxe.
Ao remate da charla cubrimos unha ficha na que valorabamos a nosa satisfacción sobre a lectura. As valoracións nunha escala do UN ao DEZ quedaron como seguen: dez persoas outorgáronlle un OITO, once persoas un NOVE e dúas persoas un DEZ.
Algunhas membros do club tamén deron a súa opinión:
- Moi interesante as súas reflexións sobre a lingua.
- Fácil de ler. Gustoume a estructura. Os enganos máis curtos para picar e segundo avanza a lectura máis longos para terminar coa sobremesa.
- Pareceume xenial. Moi fácil de ler, moi entretido e cunha retranca estupenda.
- Moi divertido, xa que cada relato da un xiro inesperado.
- Unha crítica construtiva e enxeñosa da realidade que nos rodea.
- Gustoume moito. Algúns relatos resultáronme moi cercanos, outros divertidos e todos dan pé para reflexionar.
- Gustoume moito a súa fácil lectura e comprensión.
- Moi fácil de ler e doado para reflexionar.
- É un libro interesante, divertido e foi entretido lelo.
- Brillante, claro, contundente, cada un dos relatos podería ser un guión para unha película. Grazas!