Mostrando entradas con la etiqueta Literatura e cine. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Literatura e cine. Mostrar todas las entradas

martes, 15 de enero de 2013

O mundo da infancia perdida

         Onte pola tarde tivo lugar unha nova xuntanza do club. Nesta ocasión para comentar a novela A miña planta de laranxa lima. A presentación da obra, cun enfoque sociocultural da mesma correu a cargo da profesora de Lingua e Literatura Galega, Moncha Neira quen fixo participar aos alí presentes da súa análise.  Falouse da evolución do barrio carioca de Bangú dos anos 20-30, (lugar onde se desenvolve a trama), do rol da muller e do home na obra, do papel da emigración e o seu reflexo nos apelidos e alcumes dos personaxes, do desemprego, do traballo na fábrica representada como un dragón que traga á xente, do papel dos fillos nas familias numerosas pobres, da violencia, a incultura, a tenrura, e como non,  tamén da importancia de saber ler nesa época.  O analfabetismo é un dos temas que está presente na películas Estación central do Brasil e Ciudad de Dios que complementan a lectura e axudan a comprender ese mundo vivido por Zezé, que tampouco nos é tan lonxano ao noso. 

Nunha escala do un ao dez a obra obtivo como media entre as valoracións recollidas a cualificación dun OITO.  Algúns dos comentarios coinciden en afirmar que se trata dunha obra sensible, aínda que moi triste. 
- "Encanoume e revivín un pouco os anos pasados". 
- "Provoca mucha ternura y es muy interesante, así como sorprendente".
-"Fantástica narración de vida que nos recorda os nosos primeiros anos".
- "Obra interesantísima, desde a perspectiva histórica e social. Tamén desde o punto de vista afectivo e de identificación co mundo da infancia perdida". 
- " Un libro con moito contido emociomal e cultural".
- "O realismo máxico e a inxenuidade do protagonista enmarcados na realidade cruel dunha  infancia vivida  no seo dunha familia pobre despertaron en min  fondas emocións que  revivín tamén en Estación central de Brasil. 


viernes, 14 de diciembre de 2012

Brasil, Brasil

Publicada por primeira vez en 1968,  A miña planta de laranxa lima é a emocionante historia dun neno ao que a vida fará adulto precozmente. Nesta novela, José Mauro de Vasconcelos recreou os seus recordos de infancia no barrio carioca de Bangú cun lirismo e unha tenrura que cautivaron ós lectores dende a súa aparición e que a converteron nun dos libros máis lidos da literatura brasileira contemporánea.

Neste vídeo, Soledad Felloza, actriz e contacontos uruguaia, afincada en Galicia preséntanos este libro e o que supuxo para ela na súa vida.


A editorial  Libros del Asteroide permite gozar de moitas das melodías que se entoan no libro. Dende as tristes notas da nai no lavadoiro, ata as xeniais interpretacións do señor Ariovaldo e os tangos que emocionaban a Zezé.

Da lectura e da palabra escrita pasamos a deleitarnos coa música para agora poñerlle rostro ós personaxes da historia. O director Aurélio Teixeira fixo unha versión cinematográfica da novela no ano 1970. Esta é a presentación da película. 


Ao ler a historia contada por Vasconcelos non podemos obviar dúas películas ambientadas no Brasil e que reflexan a sociedade dos anos 60-70, o mundo da infancia, a pobreza, a importancia da cultura, a inxenuidade, o afán de supervivencia... Estamos a falar de Estación central de Brasil e tamén dalgún xeito de Ciudad de Dios. 

Estación Central de Brasil invítanos a reflexionar sobre a situación de vulnerabilidade na que se encontra a infancia. ao mesmon tempo que da a coñecer as distintas manifestacións cotiás dos problemas do empobrecemento, temas ámbolos dous presentes no libro de Vasconcelos. 


Cuidad de Dios é unha obra extraordinaria de gran contido social que nos permite un achegamento á dura realidade da marginalización urbana en Latinoamérica entre os anos sesenta e os oitenta, centrada no mundo das favelas brasileñas e a situación que viven os nenos nun ambiente de violencia. 


martes, 8 de mayo de 2012

A "Marbella galega" de Fran Soutelo


Vestido de negro, sombreiro negro, gafas de pasta negra e ollos negros para falar dunha novela negra que se desenvolve entre Muros, Santiago, o Carballiño e o Salnés. Lugares, todos eles,  ben coñecidos por Miguel Anxol Fernández, como tamén o é esta "Marbella galega" na que veraneaba fai uns anos e a que invita a descubrir a todos os lectores de Lume de cobiza da man do detective Fran Soutelo.  

Lectura pesimista ao comezo: Fran Soutelo pasa doce horas no avión sen poder aterrar en ningún aeroporto galego por mor do lume que oscureceu o ceo o primeiro de agosto daquel verán de 2006.

O autor garante a verosimilitude da novela. A realidade mestúrase coa ficción, lugares próximos e personaxes reais conviven con outros literarios nunha trama que engancha dende un principio querendo seguir as pistas para descubrir que se esconde detrás da morte dun rapaz novo de Padriñán. 


A película está á volta da esquina e a seguintes aventuras detectivescas do protagonista no forno! 
Unha data: 2014




viernes, 16 de marzo de 2012

Con Héctor Carré


Onte tivemos a oportunidade de compartir unha tarde co cineasta e escritor Héctor Carré, que veu ao Hotel Justo a falar da súa obra Febre, premio da fundación Nova Caixa Galicia-Claudio San Martín.

Alí xuntámonos profesores, nais e alumnas do club de lectura,  para tentar de esclarecer os misterios da súa obra: o nome dos personaxes, os amoríos, a violencia, a economía,  en fin a historia dun tempo e dunha vida.

Todo tinguido de anécdotas e de cine. Que sabia mistura o cine e a literatura! Juan Álvarez

miércoles, 15 de abril de 2009

O lápis do carpinteiro.


¿Por que se titula así o libro? O lápis vermello é un obxecto común e familiar que situamos na orella dos carpinteiros. ¿Que importancia terá nesta historia contada por Manuel Rivas para que lle otorgue a relevancia de aparecer no título como se se tratara do protagonista da novela?
Deixo aquí un fragmento da novela para ir colléndolle o gusto.

Marisa, corazón, ponnos algo de beber para que saia ben a esquela. ¡Que cousas tes!, exclamou ela. Non fagas esas bromas. O reporteiro Sousa ía negarse pero decatouse de que sería un erro rexeitar un grolo. O corpo estáballo a pedir dende había horas, o grolo, o maldito grolo, estáballo a pedir des que se erguera e, naquel intre, soubo que dera cun deses feiticeiros que le na mente dos demais. ¿Non será vostede un señor Hache-Dous-O? Non, dixo el seguindo a ironía, o meu problema non é precisamente a auga. "

domingo, 16 de noviembre de 2008

The Jane Austen Book Club

A modo de invitación:


Coñecendo a Jane Austen narra, como indica o título orixinal, The Jane Austen Book Club, as vivencias dun grupo de xóvenes que deciden formar un club de lectura no que mes tras mes comentan unha obra da súa autora favorita, Jane Austen. Pretenden coñecela, sumerxirse na súa obra, descifrar os perendengues das súas historias, analizar os seus personaxes e as sensacións que lles transmiten...







Se che apetece ler en compañía coma eles e compartir as túas impresións entra no noso Club.

Poderás descubrir que a experiencia de ler enriquécese se a compartimos.



Visiona o trailer da película que pretende ser unha invitación para non rexeitar.