Mostrando entradas con la etiqueta xuntanza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta xuntanza. Mostrar todas las entradas

miércoles, 19 de junio de 2013

No teatro e no parque

Con motivo da representación  da obra de Roberto Vidal Bolaño, Días sen gloria, polo Centro Dramático Galego en Pontevedra,  algúns dos compoñentes do club de lectura desplazámonos ata alí para asistir a dita representación. Ao finalizar poidemos compartir as nosas impresións nun ambiente distendido. Foi unha bonita xornada coa que despedimos as actividades do club deste curso. 




O grupo dos máis pequenos organizamos unha mini-merenda no parque e falamos do último libro elexido libremente por cada un deles compartindo os motivos da escolleita. Aproveitamos as raiolas de sol para recomendarnos lecturas para o verán. 




lunes, 4 de marzo de 2013

Valdemuller

Mina é a protagonista de Valdemuller, unha rapaza que cumpre 15 anos nunha familia de mulleres onde esa data ten un significado moi especial. Un dos agasallos que recibe é un colgante fermosísimo con forma de estrela dunha tía-avoa que non coñece. O misterio e a intriga xa están servidos no relato. Mina, coa axuda da súa tía Olga, emprenderá unha viaxe ao lugar de Valdemuller en busca da enigmática tía- avoa, na que descubrirá a súa capacidade para enfrontarse aos problemas por ela mesma. 





Vademuller, é unha desas obras que engaiolou  ao  director arxentino  Pablo Vergne, que  adaptou o texto da novela á linguaxe de marionetas convertendo "toda a narración en acción", sen deixar de lado a mensaxe da "procura das mulleres dun espazo de igualdade e respecto na sociedade". Ao tempo, que explorou na tradición galega para converter a viaxe iniciática de Mina nunha viaxe de misterios, con trasnos, ánimas en pena e coa Santa Compaña.


Mañá pola tarde,  encontro co autor Xosé A. neira Cruz. 

martes, 19 de febrero de 2013

Xosé A. Neira Cruz

Hai xa sete anos, no 2006 estivo no centro Xosé A. Neira Cruz que mantivo un encontro daquela co alumnado de 2º ESO. A súa visita foi un bo pretexto para iniciar os boletíns da Biblioteca. Sería un monográfico dedicado ao autor e a súa obra.  Pódese ollar no enlace.
O martes 5 de marzo contaremos de novo coa súa presenza, nesta ocasión para xuntarse cos membros do club de lectura.




domingo, 20 de enero de 2013

Algunhas claves interpretativas de Hora zulú


ZULU ou Hora Zulu, designa en usos militares e na navegación aérea o Tempo Universal Coordinado. ZULU representa a letra Z no código Intestán. O seu principal mérito é que permite usar como referencia unha hora en común e non as horas locais coas cales se requiría un proceso de transformación.

Cada fuso horario ten unha letra correlativa como identificación, comezando por Greenwich. Cando unha hora é dada en CUT, UTC ou Zulu, é en realidade a hora na lonxitude 0° a cal atravesa Greenwich, Inglaterra. Todos os fusos horarios arredor do mundo están establecidos en referencia á lonxitude 0° coñecida tamén como o meridiano de Greenwich.

 A obra de Santiago Lopo alude dende o seu propio título á quimera da detención do tempo, a ese devezo por frear o seu avance, por conseguir liberarse da súa tiranía. A iso dedica a vida o protagonista, a iso e a facer que o seu tempo transcorra co maior ben e máximo respecto para Pachamama, a deusa Xea, ese ente vivo que o planeta é e ao que os homes nos empeñamos en agredir con atentados antiecolóxicos.  O desastre do petroleiro Erika nas costas bretoas en decembro de 1999 xoga un papel decisivo no desenvolvemento argumental.

Para coñecer máis do autor e a da súa obra:

ENTREVISTA CON SANTIAGO LOPO no blog de Galaxia:
CRÍTICA LITERARIA blog da Asociación de Escritoras en Lingua Galega

Recollemos, a modo de esquema, algúns aspectos significativos:

- "A intriga de Hora zulú consiste na procura da identidade dunha persoa que aparece nunha praia, soa e sen saber quen é."

- "A tipoloxía textual variada (cartas, poesía, informes,…) axuda a diferenciar as voces narrativas e a identificarnos cos personaxes."

- "A estrutura da novela tenta emular un preciso mecanismo de reloxería: apreixar o lector e que non poida deixar a novela  porque descoñece o que o espera na páxina seguinte."

- "En varias pasaxes da novela aparece un centro de saúde mental e descríbese a vida que levan os internos, sempre dun xeito amable e con respecto."

 Hora zulú é  unha novela feita de fragmentos, de rexistros de moi distinta natureza, máis iso non quere dicir que careza dun centro oculto que faga cadrar as pezas desta novela-puzzle. No exercicio narrativo de Santiago Lopo relátase en efecto unha historia e eses fragmentos (poemas, informes hospitalarios, anexos dos mesmos, correos entre dous psiquiatras e cinco textos rotulados co título da novela) non denotan un caixón de xastre, senón que nos remiten a unha historia que un lector activo sabe apreixar".


Encontro co autor: luns 18 de febreiro, ás 18:45h



martes, 15 de enero de 2013

O mundo da infancia perdida

         Onte pola tarde tivo lugar unha nova xuntanza do club. Nesta ocasión para comentar a novela A miña planta de laranxa lima. A presentación da obra, cun enfoque sociocultural da mesma correu a cargo da profesora de Lingua e Literatura Galega, Moncha Neira quen fixo participar aos alí presentes da súa análise.  Falouse da evolución do barrio carioca de Bangú dos anos 20-30, (lugar onde se desenvolve a trama), do rol da muller e do home na obra, do papel da emigración e o seu reflexo nos apelidos e alcumes dos personaxes, do desemprego, do traballo na fábrica representada como un dragón que traga á xente, do papel dos fillos nas familias numerosas pobres, da violencia, a incultura, a tenrura, e como non,  tamén da importancia de saber ler nesa época.  O analfabetismo é un dos temas que está presente na películas Estación central do Brasil e Ciudad de Dios que complementan a lectura e axudan a comprender ese mundo vivido por Zezé, que tampouco nos é tan lonxano ao noso. 

Nunha escala do un ao dez a obra obtivo como media entre as valoracións recollidas a cualificación dun OITO.  Algúns dos comentarios coinciden en afirmar que se trata dunha obra sensible, aínda que moi triste. 
- "Encanoume e revivín un pouco os anos pasados". 
- "Provoca mucha ternura y es muy interesante, así como sorprendente".
-"Fantástica narración de vida que nos recorda os nosos primeiros anos".
- "Obra interesantísima, desde a perspectiva histórica e social. Tamén desde o punto de vista afectivo e de identificación co mundo da infancia perdida". 
- " Un libro con moito contido emociomal e cultural".
- "O realismo máxico e a inxenuidade do protagonista enmarcados na realidade cruel dunha  infancia vivida  no seo dunha familia pobre despertaron en min  fondas emocións que  revivín tamén en Estación central de Brasil. 


lunes, 14 de enero de 2013

Hora zulú de Santiago Lopo


Santiago Lopo é de Vigo e profesor de francés. Iniciouse profesionalmente traducindo guións cinematográficos para televisión. En 2006, gañou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, con Game Over. En 2009, publicou Peaxes e no 2012 acaba de obter o Premio García Barros coa súa última novela Hora zulú, publicada por Galaxia.  

Un home aparece ferido e nu ao pé dun acantilado. Ninguén, nin el mesmo, sabe quen é.  En Hora zulú combínanse textos diversos a través dos cales os lectores inician unha busca, coma se se tratase dun xogo que o autor lle propón a quen le. Mediante esa orixinal estrutura, Santiago Lopo mantén a intriga e a tensión narrativa de principio a fin, nunha novela que rompe barreiras, animándonos a soñar e a visitar o outro lado da nosa conciencia. Invitándonos a encontrar a liberdade. (Información da editorial)

 Pódese ler unha entrevista a Santiago Lopo e o seu comentario da novela Hora Zulú no blog de Galaxia.


Teremos a oportunidade de falar co autor e contrastar os nosos puntos de vista 
o luns 18 febreiro ás 18:45h, na biblioteca do centro. 


miércoles, 21 de noviembre de 2012

O valor literario da retranca


         Son vinte relatos curtos de diferente extensión, que teñen como fío condutor o humor, a fina ironía e a retranca dun agudo observador da realidade como o é o seu autor Núñez Singala. Menú de enganos recolle o mundo das apariencias, aquelo que cremos que é e resulta non ser, para tocar os temas más candentes de actualidade cunha mirada crítica e ás veces incluso despiadada. Así, pasean polas páxinas do libro unha sociedade burguesa e acomodada con falsos compromisos, con valores materiais ou simplemente anécdotas que se convirten en fondos sentimentos  adquiridos nalgunha etapa das nosas vidas. 

        Os relatos que máis gustaron aos lectores e lectoras do club son Trampas , O castigo, Solidariedade occidental, Inculturación, Primeiro de maio...  En canto A rapaza do bikini verde, baseado nun relato autobiográfico, xenera certa controversia, pois hai a quen lle gustou moito e a outros non tanto, xunto con Clarividencia ou  A mensaxe.
Ao remate da charla cubrimos unha ficha na que valorabamos a nosa satisfacción sobre a lectura. As valoracións  nunha escala do UN ao DEZ quedaron como seguen: dez persoas outorgáronlle un OITO, once persoas un NOVE e dúas persoas un DEZ. 

Algunhas  membros do club tamén deron a súa opinión: 
  • Moi interesante as súas reflexións sobre a lingua.
  • Fácil de ler. Gustoume a estructura. Os enganos máis curtos para picar e segundo avanza a lectura máis longos para terminar coa sobremesa. 
  • Pareceume xenial. Moi fácil de ler, moi entretido e cunha retranca estupenda.
  • Moi divertido, xa que cada relato da un xiro inesperado.
  • Unha crítica construtiva e enxeñosa da realidade que nos rodea.
  • Gustoume moito. Algúns relatos resultáronme moi cercanos, outros divertidos e todos dan pé para reflexionar.
  • Gustoume moito a súa fácil lectura e comprensión.
  • Moi fácil de ler e doado para reflexionar.
  • É un libro interesante, divertido e foi entretido lelo.
  • Brillante, claro, contundente, cada un dos relatos podería ser un guión para unha película. Grazas!


viernes, 13 de julio de 2012

Con Iolanda Zúñiga



Fresca e contemporánea. Dúas palabras que describen perfectamente como foi esta última xuntanza  do Club de Lectura.


"Vidas post-it" é un libro de relatos curtos, escrito por unha moza chamada Iolanda Zúñiga, moderna e solta, palabras que posiblemente sexan as mellores para a súa descrición, xa que  preferiumos falar de forma libre, o que fixo que a charla fóra divertida e agradable.


Inspirados estos relatos por frustracións da vida, o desamor e o feito de ser incomprendida deron como resultado o nacemento do seu primeiro libro, escrito con tan só 27 anosRecomendado para adorescentes e adultos, un libro co que poderás sentirte identificado/a.


Agora con 37 anos, xa ten escrito nada menos que tres libros. O nomeado antes "Vidas post-it", "Amor amén" e "Periferia". Este último recibiu o Premio Xerais de Novela 2010. 

 Noelia Caneda Rey









viernes, 8 de junio de 2012

Vidas post-it. Iolanda Zúñiga


Contemporáneos e fragmentarios, os de Vidas post-it son relatos curtos, concisos e veloces, que alimentan un receitario de tropezos na vida. Unha tras outra, predominan as situacións cotiás guiadas por condimentos universais: incomunicación, soidade, desamor, abismo, sexo, rutina, violencia, melancolía, drogas, medo e outras miserias que murchan, afogan e desesperan; todo adobado coa fugacidade, precisión e brutalidade da vida sen decorados. Os post-it deste libro de Iolanda Zúñiga, escrito cunha prosa directa e rotunda, atractiva e imantada, son deseños veloces coma tráilers de películas que debuxan vidas marcadas polo naufraxio persoal ou colectivo, afondando no recuncho máis escuro e brutal da propia vida.


   Comentaremos os relatos coa propia autora
 o 18  de xuño!!

         
 Iolanda Zúñiga foi PREMIO XERAIS 2010
 coa súa obra Periferia.

martes, 1 de mayo de 2012

Miguel Anxo Fernández


O escritor e crítico de cine Miguel Anxo Fernández chegará ata Sanxenxo o luns 7 de maio para comentar a súa obra Lume de cobiza, protagonizada polo detective Frank Soutelo e  ambientada en escenarios reais que nos son próximos (Sanxenxo, Santiago, Muros, Vigo, O Carballiño...)  no verán do 2006, cando os montes arden de forma incontrolada por todo o país.

Miguel Anxo Fernández  é historiador de formación e cinéfilo de paixón, o autor creou o sabuxo Frank Soutelo a partir de Un nicho para Marilyn, gañadora do Premio de Novela Manuel García Barros 2002. O xurado valorou “a temática infrecuente da obra dentro do panorama literario galego, a súa perfecta construción, o seu intenso ritmo narrativo e a súa frescura estilística”. Aquela peripecia converteuse nun éxito que asentou a un personaxe como un dos máis populares da nosa literatura policial.


miércoles, 23 de febrero de 2011

Con Marcos Calveiro

 
Resumir a xornada de onte na compañía dunha persoa excepcional, non resulta doado. Marcos Calveiro, autor de Festina Lente e O canto dos peixes, deixou unha forte pegada nos membros do club, que non tiñan présa por marchar as súas casas. O tempo pasou entre conversas, risas e xestos de admiración ao escoitar  falar do transfondo que hai  detrás dunha obra literaria, os anos invertidos na investigación,  o proceso de seleccion da documentación, a capacidade de reter os datos e volcalos despois no escrito para crear unha historia novelada. 
En Festina, hai moito do mundo no que vivimos hoxe, se somos quen de darnos conta que non somos tan libres como cremos. A reflexión do que se está a perder a causa do progreso é o tema principal de O canto dos peixes, ademais da historia de amizade entre o neno e o vello mariñeiro, tema recurrente nas outras obras do autor.
A nosa admiración para o escritor, salvagarda das palabras, ao que lle gustan os dicionarios e o latín.
Marcos Calveiro abriu un blog cando publicou o seu libro Festina lente. Alí podeses atopar moita máis información sobre a obra. 

jueves, 18 de noviembre de 2010

Balea morta ou lancha a pique


Estamos diante dunha novela de aventuras. Subxénero de piratas. É a segunda entrega de As aventuras do capitán Thunderskin. A primeira serie de novelas de piratas da literatura galega. Aventuras trepidantes, fantasía desbordada, humor a mans cheas, xogo con anacronismos deliberados (videoxogos, baleas clónicas…) e o telón de fondo constante da Moby Dick de Herman Melville.

Apreciamos a mestura de mundos. Piratas e pirados, idealismo e materialismo da man do capitán e o portugués, dando voltas por unha actualidade de mundo globalizado. Sen que  falten as doses de humor e imaxinación.

Información aportada por Pilar Sampedro nunha proposta didáctica elaborada para a editorial Xerais.


 O martes 23  teremos a oportunidade de poder coñecer ao seu autor, Santiago Jaureguizar e intercambiar diferentes puntos de vista sobre a lectura do seu libro.

martes, 22 de junio de 2010

"Picnic" entre libros.

Onte, á saída das clases, na carballeira que temos diante do instituto, os integrantes do club compartimos mesa e lecturas. O día espléndido acompañaba para recordar a Saramago, a Machado, Miguel Hernández, José Martí, Fernández Paz, entre outros.

Intercambiamos agasallos, chapas, libretas, libros de poesía, algún de Carlos Casares...
Intercambiamos dedicatorias, sinaturas e promesas de futuro.





Bo verán de sol, mar ou montaña a elexir, pero sempre cun libro na maleta!!!

sábado, 6 de marzo de 2010

Un bo tipo. Un tipo xenial


O primeiro de  marzo XOSÉ MONTEAGUDO estivo en Sanxenxo, terra que el coñece ben e na que é ben querido, como así o demostra a presencia de dúas mulleres que asistiron á charla co escritor porque viron a noticia na prensa . Sorpresa grata para todos os do club e pódese dicir que ésta é unha das consecuencias de difundir nos medios de comunicación o que se está a facer.

Xosé Montegudo, que recibiu por esta novela, Un tipo listo o Premio García Barros , falounos de como xurdiu a idea de poñerse a contar a historia de Manolo, un home de banca, aparentemente honrado e cunha vida intachable. Os feitos están baseados en casos reais que saíron á luz na prensa. Este forte contraste dunha doble vida  é o que fascinou a Xosé Monteagudo para poñerse a tirar do fío e contar cales serían os móbiles que fixeron que unha persoa poidese cometer un gran desfalco na sucursal bancaria para a que traballaba. 
O éxito estaba garantizado. A presenza dun cadáver na primeira páxina, agarrado a un prato de spaguettis, atrapa ao lector, e unha  visión canalla da sociedade  pulula polas páxinas da novela.  Porque os bos sentimentos, di o autor, non fan boa literatura.

Pero sí que hai bos tipos que escriben boa literatura e nos fan disfrutar con ela.

Grazas pola visita!!!






lunes, 1 de febrero de 2010

Xuntanza


O luns 25 de xaneiro tivemos  a  reunión do club dos maiores no café O gran Suqui de Sanxenxo para intercambiar os nosos puntos de vista sobre a última das nosas lecturas El Baile de Irene Némirovsky.

A maioría dos membros do club disfrutamos coa súa lectura, poís aínda que é unha obra de finais da década dos “felices vinte”, trata temas transladables á actualidade como o universal conflicto “país-fillos adolescentes” ou o ánsia de recoñecemento social.

O máis importante foi que a lectura desta obra permitiunos pasar a todos os membros do club un agradable momento de xuntanza e de intercambio de puntos de vista.

Ata a próxima xuntanza, o 8 de febreiro, con Raúl Vacas.!!!

Os máis cativos quedades convocados para este mércores 3 de febreiro no recreo.




lunes, 2 de noviembre de 2009

9 NOVEMBRO, AÍNDA QUE CHOVA !¡

A chegada destas chuvias parece deixar atrás definitivamente a temporada primaveral que viñamos disfrutando. O cambio metereolóxico marca para nós o  inicio da nova andaina do Club de lectura. O vindeiro día NOVE terá lugar a primeira xuntanza ás SETE da tarde na Biblioteca. Refuxiarémonos e poñerémonos a bo recaudo para presentar as lecturas do novo curso. Agardámosvos.!!


A foto é unha das imaxes seleccionadas no concurso de fotografía 2009 O pracer de ler convocado pola BM do Porriño. Se queredes visitar a galería premede na ligazón. Todo un pracer tamén para a vista.

martes, 3 de febrero de 2009

Tarde de luz




Sanxenxo. Xoves 29 de xaneiro.Cinco da tarde. Ceo gris e vento. Ameaza chuvia.
Entramos na sede de Caixagalicia. Axiña Agustín Fernández Paz fala para todos, dinámico, seguro e vainos envolvendo pouco a pouco coas súas palabras.
Velaquí os comentarios dos máis novos do club:
"Simpático, é simpático; sabe recoñecer as súas manías. De quen falo? Falo de Agustín Fernández Paz. Logrei falar con el e preguntarle dúbidas. E fíxome pasar un moi bo rato. Foi un día excepcional, que recordarei e contarei a todo o mundo. E direi que me sorprendeu moito.
Agustín é un personaxe de libro, por que? Porque non é tan serio coma imaxinaba, senón que é despreocupado. Non é coma outros; serio, rexio, nen sequera é respectuoso consego mesmo.
Agustín é un personaxe do máis alegre. Gústalle escribir en follas amarelas e sempre na mesma libreta.
Fíxome saber que a historia non se esquece e si que se aprende. El non puido aprendela, pero lle tería gustado. Transmítenos iso porque é moi importante non esquecer o vivido. Isto é precisamente o que descubre Sara, a protagonista de Noite de voraces sombras." Hugo.

"O 29 de xaneiro veu Agustín Fernández Paz a falar só con nós, os do club de lectura Engánchate. Eu, a verdade é que o pasei xenial. Tiñamos diante de nós uns doces que entraban polos ollos e unha sala só para nós. Brais.
"O feito de estar con Agustín Fernández Paz foi agradable. Estar con el foi unha boa experiencia. Creo que intentou demostrar que era unha persoa coma nós, só que dotada dun don excepcional. Unha das súas frases coas que me quedei foi:" Calquera novela é coma un anaco de pana. Son fíos que se xuntan, para formar unha historia".
A súa visita guiome no meu camiño á hora de escribir. Deume o empuxón que necesitaba."Marta
"Coñecer un escritor na realidade como o fixemos o pasado xoves 29 de xaneiro, vaime resultar inesquecible.
Os membros do club de lectura reunímonos ese día para coñecer a Agustín Fernández Paz, o escritor de "Noites de voraces sombras". O encontro foi na Fundación Caixagalicia, onde nos levaron a unha sala na que permanecimos durante toda a reunión. Unha das cousas que máis me gustaron do escritor, foi cando nos explicou como creaba aos seus personaxes, "collo un fío desa rapaza loura, outro daqueloutra, outro desta que está ao meu lado...e reúnoos con moitos fíos máis. Logo, trenzo eses fíos e fago unha corda, esa corda é un dous meus personaxes". Encantáronme esas palabras, foron realmente bonitas. Creo que sen ningunha dúbida, en Galicia temos a grandes escritores, e deberíamos empezar a valoralos tal e como se merecen, como verdadeiros artistas. " Ana
"A noite de voraces sombras" pasou ser unha tarde clara, resplandecente de luz.
Grazas, Agustín polo tempo, polas palabras, pola túa xenerosidade.
Dende Sanxenxo, seguiremos atentos os teus pasos.
A vindeira xuntanza será o MARTES 17 de FEBREIRO ás 19 horas, na Biblioteca do instituto.
Seguimos con NOITE DE VORACES SOMBRAS!!!
Proxectaremos AILLADOS, seguindo a recomendación de Agustín Fernández Paz.