miércoles, 7 de diciembre de 2011

Kafka


Franz Kafka, nado en Praga en 1883 e falecido en Viena en 1924 está considerado un dos maiores novelistas en alemán, e dos mellores escritores de historias curtas do século XX. A súa forma de escribir segue sendo un desafío tanto para críticos coma para lectores, e os intentos de catalogar os seus traballos son xeralmente inadecuados. (Wipipedia)

A súa obra máis coñecida A Metamorfose abre as lecturas deste ano:

 Cando, unha mañá, Gregor Samsa acordou duns soños axitados, encontrouse na súa cama convertido nun bicho monstruoso. Xacía sobre as súas costas, duras como un caparazón e, ao erguer un pouco a cabeza, viu o seu ventre abombado, pardo, segmentado por induracións en forma de arco, sobre cuxa prominencia o cubrecama, a piques xa de escorrer de todo, case non podía sosterse. As súas numerosas patas, dunha deplorábel delgadez en comparación coas dimensións habituais de Gregor, tremían indefensas ante os seus ollos. “Que me aconteceu?”, pensou.
  
 Este inquietante comezo da obra, coñecido universalmente e inmortalizado xa para sempre na memoria das xeneracións vindeiras, segue a cautivar nos tempos actuais. Unha mostra é esta curtametraxe, realizada en branco e negro, baixo a dirección de Fran Estévez  coa que obtivo varios galardóns e recoñecementos. 




Outro exemplo, neste caso de fascinación pola personalidade do autor e o misterio que rodea a súa vida témolo  témolo na recreación da obra de Jordi Sierra i Fabra titulada KAFKA E A BONECA VIAXEIRA.
O libro relata a peculiar relación que supostamente tivo Franz Kafka cunha nena que perdeu a súa boneca.   Para consolala, Kafka converterase no Carteiro de bonecas e vaille  contando á nena, a través de cartas,  as aventuras da boneca polo mundo adiante.

"Franz Kafka morreu no sanantorio de Kierling, preto de Viena, un ano despois de que sucedese esta historia, o 3 de xuño de 1924, aos corenta e un anos de idade. Nunca se soubo o nome da nena que perdeu a boneca, e as cartas que el lle escribiu durante 3 semanas nunca foron lidas por ningunha persoa nin encontradas. Dora Dymant, que daquela vivía co escritor, foi quen explicou os feitos..."

 Ver actividades propostas na Guía didáctica da editorial Galaxia.