O Club da biblioteca do IES Sanxenxo nace coa intención de que as novas tecnoloxías nos axuden a facilitar a comunicación. Deleitámonos co tacto, sempre suxestivo, dun libro nas nosas mans, pero tamén gustamos das posibilidades que nos brinda a rede para falar sobre el. Outras persoas poden observar aspectos dos que non nos teriamos decatado e, deste xeito, a nosa lectura privada enriquécese, o pracer aumenta...
Algúns dos membros do club non eran lectores de poesía. Non o eran, pero esto acaba de mudar dende a xuntanza do luns e recoñecen abertamente que a lectura dos poemas de Vacas e sobre todo a súa presenza, fará que marque un antes e despois nas súas vidas de lectores e na súa mirada sobre a poesía.
En Bibliomanía achéganse as impresións dos rapaces que asistiron aos obradoiros da mañá e algunhas imaxes máis.
Reiteramos o noso agradecemento polo entusiasmo posto en cada palabra, por sembrar tan bo produto...
Iniciamos este mes con poesía da man de Raúl Vacas. Impartirá na mañá do luns día 8 un obradoiro cos rapaces de 2º ESO, que levan experimentando cos versos dende a volta de Nadal e pola tarde estará cos membros do Club.
Achegamos un boletín que recolle a obra do autor e algúns dos seus poemas.
O luns 25 de xaneiro tivemos a reunión do club dos maiores no café O gran Suqui de Sanxenxo para intercambiar os nosos puntos de vista sobre a última das nosas lecturas El Baile de Irene Némirovsky.
A maioría dos membros do club disfrutamos coa súa lectura, poís aínda que é unha obra de finais da década dos “felices vinte”, trata temas transladables á actualidade como o universal conflicto “país-fillos adolescentes” ou o ánsia de recoñecemento social.
O máis importante foi que a lectura desta obra permitiunos pasar a todos os membros do club un agradable momento de xuntanza e de intercambio de puntos de vista.
Ata a próxima xuntanza, o 8 de febreiro, con Raúl Vacas.!!!
Os máis cativos quedades convocados para este mércores 3 de febreiro no recreo.
O Teatro Nacional de Cataluña representou ata o 3 de xaneiro un espectáculo de teatro-danza dirixido por Sergi Belbel a partir da novela de Irène Némirovsky,El baile que acabamos de ler e comentar no Club. Un duelo interpretativo entre estas dúas mulleres Anna Lizaran e Sol Picó que dan vida a Madame Kampf e a Antoinette, nai e filla respectivamente dunha familia de novos ricos.
Permitídevos uns minutos para ver o vídeo pois realmente vale a pena.
Na “Luzada”, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes de Ás de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009 que andamos a ler os que formamos parte do Club de lectura ENGÁNCHATE. Os correveidiles non agardan a xuntanza e andan a pregonar as andanzas dos personaxes que se atopan na Luzada:
As andanzas de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. As de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. As de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. As de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. As dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén as de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e as da señora Filomena, e as de Ana, e as de Fiño…
O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”
Estamos convencidos que a novela dará moito do que falar.
A chegada destas chuvias parece deixar atrás definitivamente a temporada primaveral que viñamos disfrutando. O cambio metereolóxico marca para nós o inicio da nova andaina do Club de lectura. O vindeiro día NOVE terá lugar a primeira xuntanza ás SETE da tarde na Biblioteca. Refuxiarémonos e poñerémonos a bo recaudo para presentar as lecturas do novo curso. Agardámosvos.!!
A foto é unha das imaxes seleccionadas no concurso de fotografía 2009 O pracer de ler convocado pola BM do Porriño. Se queredes visitar a galería premede na ligazón. Todo un pracer tamén para a vista.
Con este libro de poesía recén chegado á Biblioteca queremos despedir este curso, non sen antes de recomendar a súa lectura. É un libro fermoso pola edición, escrito todo en vermello, e tamén pola idea. Está adicado ás mulleres víctimas do 36. Os retratos feitos por Sara Lamas aportan os nomes e apelidos destas mulleres "esquecidas entre os esquecidos", ás que Claudio Rodríguez Fer homenaxea reivindicando a súa memoria con poemas coma este:
Humilla a humillación a quen humilla.
A pillaxe, a rapina, a incautación
de todo non son máis
que libros de cinza
nas poutas postizas dos saqueadores.
Tiñan en contra o seu contorno Elas so posuían a desposesión.
Pero queríanse ata abismos
inaccesibles aos impostores.
Porque só se ama
dende o desprendemento.
Triste é ser mesquiño na vinganza.
Roubaron os bens
pero non o ben.
Borraron e queimaron
os símbolos tanxibles.
Mais a refén foi bandeira
de dignidade invicta
en propia praza.
Poema en lembranza de Esther Casares e a súa filla Esther Varela, retidas como reféns durante 19 anos polo feito de ser filla e neta de Santiago Casares Quiroga.
Se vos apetece ler máis poesía este verán atoparedes máis suxestións en Bibliomanía.
Pisei por vez primeira esta illa o 14 de setembro de 2001, tres días despois de ver na televisión como se derrubaban as torres xemelgas de New York, naquel 11 de setembro que me fixo retrotraer no tempo e lembrar a mesma data, pero de 1973, e a onda de morte que se abateu sobre o Chile de Allende tras o feroz golpe de Estado, unha marca indeleble para a miña xeración.
Cheguei a San Simón, daquela aínda cos edificios sen restaurar, co corazón batendo exaltado no meu peito. Viña cun permiso especial para permanecer aquí durante todo o día, coa única compaña do señor Ramón e dos seus cans. De Cesantes só me separaban uns centos de metros, mais axiña me decatei de que acababa de entrar nun ámbito moi especial, nun deses lugares que gardan, coma nun aleph borgiano, a memoria da humanidade. Unha memoria milenaria, porque ata min chegaban os ecos dos versos do trobeiro e o balbordo de voces que daban conta da intensa historia vivida neste barco de pedra ancorado no fondo da ría. As voces que eu viña buscando eran máis recentes. Eran as do sufrimento, as da angustia ante os «paseos» nocturnos, as do terror. O edificio situado fronte á capela, que agora aparece coma do trinque, estaba daquela devorado polo abandono, cos ocos das ventás escuros e silenciosos coma cuncas de caveira, unha lembranza aceda de canto alí dentro sucedera. As voces parecían falarme con ansiosa intensidade porque, daquela, eu andaba embarcado na escrita dunha novela que era coma un corpo aberto para esas voces. Unha novela que acabaría por se chamar Noite de voraces sombras, un título tirado do máis conmovedor poema de José Ángel Valente, e que ten como centro o mínimo cemiterio de Santo Antonio, salvado milagrosamente dunha restauración que borrou todas as pegadas do horror que se viviu aquí.(...)
Así comeza o discursoOito doas para San Simón pronunciado por Agustín Fernández Paz o día 6 de xuño de 2009 na illa de San Simón con motivo da celebración do XXVIº Premios Xerais.
Un discurso longamente aplaudido pola súa defensa do papel da creación literaria en lingua galega.(Para escoitalo podes facelo a través de BRÉTEMAS.)
Escribir en galego como forma de participar na cultura da humanidade e escribir sobre a memoria do acontecido preto de nós. A illa de San Simón é o escenario das novelas lidas neste curso , e ata alí viaxaron os membros do CLUB revivindo o lido, poñendo realidade a ficción.
Manuel Rivas, fala do que significa para el o proceso da escritura, da súa ultima obra publicada e tamén do que ten entre mans nestes momentos. Escoitemos a súa voz, recollamos as súas palabras de quen é capaz de crear e recrear historias que son xa universais.
¿Por que se titula así o libro? O lápis vermello é un obxecto común e familiar que situamos na orella dos carpinteiros. ¿Que importancia terá nesta historia contada por Manuel Rivas para que lle otorgue a relevancia de aparecer no título como se se tratara do protagonista da novela?
Deixo aquí un fragmento da novela para ir colléndolle o gusto.
Marisa, corazón, ponnos algo de beber para que saia ben a esquela. ¡Que cousas tes!, exclamou ela. Non fagas esas bromas. O reporteiro Sousa ía negarse pero decatouse de que sería un erro rexeitar un grolo. O corpo estáballo a pedir dende había horas, o grolo, o maldito grolo, estáballo a pedir des que se erguera e, naquel intre, soubo que dera cun deses feiticeiros que le na mente dos demais. ¿Non será vostede un señor Hache-Dous-O? Non, dixo el seguindo a ironía, o meu problema non é precisamente a auga. "