miércoles, 24 de octubre de 2012

A filla do ladrón de bicicletas




Da nosa veciña do Grove, Teresa González Costa comezaremos a ler co alumnado do 1º ciclo,  a obra coa que a autora gañou o premio Merlín 2010.

Serafina, a filla dun ladrón de bicicletas quere ser equilibrista nun circo con Celerífera, a súa bicicleta. A obra está chea de diálogos moi ben construídos, áxiles, ocorrentes, frescos, divertidos que están moi próximos ao teatro e que a dotan dun gran dinamismo.


Despois de ler a obra podes contestar a estas cuestións feitas por Luis Lagoa que che axudarán a entender mellor a historia: XOGO LIM

Comezamos! Literatura con sabor.

Un menú servido en bandexa de prata. Con enganos. Con Núñez Singala como chef excepcional. Comezamos a degustación. Bo proveito!



Un restaurante literario moi especial. Velaquí un dos libros máis sorprendentes de todos cantos se teñen publicado na nosa lingua nos últimos anos. Literatura á carta. Unha carta literaria. Literatura con sabor.

Historias gorentosas para darlle gusto ao noso padal. Contos para comer, para mastigar de vagar, para gozar e repetir. Un menú completísimo. Dieta de palabras absolutamente perfecta.

Fonte: Ed. Galaxia

viernes, 13 de julio de 2012

Con Iolanda Zúñiga



Fresca e contemporánea. Dúas palabras que describen perfectamente como foi esta última xuntanza  do Club de Lectura.


"Vidas post-it" é un libro de relatos curtos, escrito por unha moza chamada Iolanda Zúñiga, moderna e solta, palabras que posiblemente sexan as mellores para a súa descrición, xa que  preferiumos falar de forma libre, o que fixo que a charla fóra divertida e agradable.


Inspirados estos relatos por frustracións da vida, o desamor e o feito de ser incomprendida deron como resultado o nacemento do seu primeiro libro, escrito con tan só 27 anos. Recomendado para adorescentes e adultos, un libro co que poderás sentirte identificado/a.


Agora con 37 anos, xa ten escrito nada menos que tres libros. O nomeado antes "Vidas post-it", "Amor amén" e "Periferia". Este último recibiu o Premio Xerais de Novela 2010. 

 Noelia Caneda Rey









viernes, 8 de junio de 2012

Vidas post-it. Iolanda Zúñiga


Contemporáneos e fragmentarios, os de Vidas post-it son relatos curtos, concisos e veloces, que alimentan un receitario de tropezos na vida. Unha tras outra, predominan as situacións cotiás guiadas por condimentos universais: incomunicación, soidade, desamor, abismo, sexo, rutina, violencia, melancolía, drogas, medo e outras miserias que murchan, afogan e desesperan; todo adobado coa fugacidade, precisión e brutalidade da vida sen decorados. Os post-it deste libro de Iolanda Zúñiga, escrito cunha prosa directa e rotunda, atractiva e imantada, son deseños veloces coma tráilers de películas que debuxan vidas marcadas polo naufraxio persoal ou colectivo, afondando no recuncho máis escuro e brutal da propia vida.


   Comentaremos os relatos coa propia autora
 o 18  de xuño!!

         
 Iolanda Zúñiga foi PREMIO XERAIS 2010
 coa súa obra Periferia.

martes, 8 de mayo de 2012

A "Marbella galega" de Fran Soutelo


Vestido de negro, sombreiro negro, gafas de pasta negra e ollos negros para falar dunha novela negra que se desenvolve entre Muros, Santiago, o Carballiño e o Salnés. Lugares, todos eles,  ben coñecidos por Miguel Anxol Fernández, como tamén o é esta "Marbella galega" na que veraneaba fai uns anos e a que invita a descubrir a todos os lectores de Lume de cobiza da man do detective Fran Soutelo.  

Lectura pesimista ao comezo: Fran Soutelo pasa doce horas no avión sen poder aterrar en ningún aeroporto galego por mor do lume que oscureceu o ceo o primeiro de agosto daquel verán de 2006.

O autor garante a verosimilitude da novela. A realidade mestúrase coa ficción, lugares próximos e personaxes reais conviven con outros literarios nunha trama que engancha dende un principio querendo seguir as pistas para descubrir que se esconde detrás da morte dun rapaz novo de Padriñán. 


A película está á volta da esquina e a seguintes aventuras detectivescas do protagonista no forno! 
Unha data: 2014




martes, 1 de mayo de 2012

Miguel Anxo Fernández


O escritor e crítico de cine Miguel Anxo Fernández chegará ata Sanxenxo o luns 7 de maio para comentar a súa obra Lume de cobiza, protagonizada polo detective Frank Soutelo e  ambientada en escenarios reais que nos son próximos (Sanxenxo, Santiago, Muros, Vigo, O Carballiño...)  no verán do 2006, cando os montes arden de forma incontrolada por todo o país.

Miguel Anxo Fernández  é historiador de formación e cinéfilo de paixón, o autor creou o sabuxo Frank Soutelo a partir de Un nicho para Marilyn, gañadora do Premio de Novela Manuel García Barros 2002. O xurado valorou “a temática infrecuente da obra dentro do panorama literario galego, a súa perfecta construción, o seu intenso ritmo narrativo e a súa frescura estilística”. Aquela peripecia converteuse nun éxito que asentou a un personaxe como un dos máis populares da nosa literatura policial.


viernes, 16 de marzo de 2012

Con Héctor Carré


Onte tivemos a oportunidade de compartir unha tarde co cineasta e escritor Héctor Carré, que veu ao Hotel Justo a falar da súa obra Febre, premio da fundación Nova Caixa Galicia-Claudio San Martín.

Alí xuntámonos profesores, nais e alumnas do club de lectura,  para tentar de esclarecer os misterios da súa obra: o nome dos personaxes, os amoríos, a violencia, a economía,  en fin a historia dun tempo e dunha vida.

Todo tinguido de anécdotas e de cine. Que sabia mistura o cine e a literatura! Juan Álvarez

lunes, 16 de enero de 2012

Febre.Héctor Carré



HECTOR CARRÉ foi o último premio XERAIS e da  Fundación Nova Caixa Galicia-Claudio San Martín de Literatura Xuvenil 2011 coa súa obra Febre.

Sipnose:

Un avó cóntalle á súa neta adolescente unha historia roubándolle a súa atención ás pantallas que contan outras historias. Quere mostrarlle como todas as rapazas da súa idade, de todos os tempos, teñen problemas de entendimento cos pais, e ao tempo, ensinarlle parte da historia da súa familia.

Febre responde á febre do wolframio, aquela que tivo lugar entre entre nós nos tempos da primeira posquerra. Coma a febre do ouro é unha enfermidade social, unha situación límite onde cada un asume o papel que lle toca: de desgraciados a maioría, de negociantes e novos ricos outros, de aproveitados moitos,... O rol de cada un deles está claro, o das forzas do orden e o dos que foron expulsados para moverse nas lindes. Unha moza como Guillermo Tell, como Pepa a Loba, convertendo a debilidade en fortaleza móvese entre todo ese desastre social e entre espías...

Situada en Noia e Lousame, móstranos lugares coñecidos como o casino da vila onde ata hai ben pouco eran famosas as timbas e personaxes tamén recoñecibles, como ese Marelo do que Avilés de Taramancos falara xa nas crónicas recollidas en Obra viva. Por iso, esta é unha boa ocasión para desfrutar da novela e ir dela a outras que tratan os mesmos temas como Cabalo de ouros de Freixanes, e a outros libros como o citado de Avilés ou os libros de historia de Noia de Agrafoxo
Fonte: Rede Lectura

 

martes, 10 de enero de 2012

A moneca viaxa a Galicia

A compañía de teatro galega Emedous representará nos escenarios Kafka e a moneca viaxeira,  unha versión en lingua galega da obra homónima de Jordi Sierra i Fabra.  A obra de teatro estará no


1º. Forum Metropolitano de A Coruña do 20 ao 22 de xaneiro
2º. Auditorio Municipal de Narón o 29 de xaneiro 
3º. Teatro Principal de Pontevedra o  6 e 7 de marzo
4º. Auditorio Municipal de Vigo o 22 de abril. 

É unha oportunidade magnífica de volver a revivir as inquedanzas desta moneca inquieta, que chega agora a Galicia como agasallo de Reis.