domingo, 20 de enero de 2013

Algunhas claves interpretativas de Hora zulú


ZULU ou Hora Zulu, designa en usos militares e na navegación aérea o Tempo Universal Coordinado. ZULU representa a letra Z no código Intestán. O seu principal mérito é que permite usar como referencia unha hora en común e non as horas locais coas cales se requiría un proceso de transformación.

Cada fuso horario ten unha letra correlativa como identificación, comezando por Greenwich. Cando unha hora é dada en CUT, UTC ou Zulu, é en realidade a hora na lonxitude 0° a cal atravesa Greenwich, Inglaterra. Todos os fusos horarios arredor do mundo están establecidos en referencia á lonxitude 0° coñecida tamén como o meridiano de Greenwich.

 A obra de Santiago Lopo alude dende o seu propio título á quimera da detención do tempo, a ese devezo por frear o seu avance, por conseguir liberarse da súa tiranía. A iso dedica a vida o protagonista, a iso e a facer que o seu tempo transcorra co maior ben e máximo respecto para Pachamama, a deusa Xea, ese ente vivo que o planeta é e ao que os homes nos empeñamos en agredir con atentados antiecolóxicos.  O desastre do petroleiro Erika nas costas bretoas en decembro de 1999 xoga un papel decisivo no desenvolvemento argumental.

Para coñecer máis do autor e a da súa obra:

ENTREVISTA CON SANTIAGO LOPO no blog de Galaxia:
CRÍTICA LITERARIA blog da Asociación de Escritoras en Lingua Galega

Recollemos, a modo de esquema, algúns aspectos significativos:

- "A intriga de Hora zulú consiste na procura da identidade dunha persoa que aparece nunha praia, soa e sen saber quen é."

- "A tipoloxía textual variada (cartas, poesía, informes,…) axuda a diferenciar as voces narrativas e a identificarnos cos personaxes."

- "A estrutura da novela tenta emular un preciso mecanismo de reloxería: apreixar o lector e que non poida deixar a novela  porque descoñece o que o espera na páxina seguinte."

- "En varias pasaxes da novela aparece un centro de saúde mental e descríbese a vida que levan os internos, sempre dun xeito amable e con respecto."

 Hora zulú é  unha novela feita de fragmentos, de rexistros de moi distinta natureza, máis iso non quere dicir que careza dun centro oculto que faga cadrar as pezas desta novela-puzzle. No exercicio narrativo de Santiago Lopo relátase en efecto unha historia e eses fragmentos (poemas, informes hospitalarios, anexos dos mesmos, correos entre dous psiquiatras e cinco textos rotulados co título da novela) non denotan un caixón de xastre, senón que nos remiten a unha historia que un lector activo sabe apreixar".


Encontro co autor: luns 18 de febreiro, ás 18:45h



martes, 15 de enero de 2013

O mundo da infancia perdida

         Onte pola tarde tivo lugar unha nova xuntanza do club. Nesta ocasión para comentar a novela A miña planta de laranxa lima. A presentación da obra, cun enfoque sociocultural da mesma correu a cargo da profesora de Lingua e Literatura Galega, Moncha Neira quen fixo participar aos alí presentes da súa análise.  Falouse da evolución do barrio carioca de Bangú dos anos 20-30, (lugar onde se desenvolve a trama), do rol da muller e do home na obra, do papel da emigración e o seu reflexo nos apelidos e alcumes dos personaxes, do desemprego, do traballo na fábrica representada como un dragón que traga á xente, do papel dos fillos nas familias numerosas pobres, da violencia, a incultura, a tenrura, e como non,  tamén da importancia de saber ler nesa época.  O analfabetismo é un dos temas que está presente na películas Estación central do Brasil e Ciudad de Dios que complementan a lectura e axudan a comprender ese mundo vivido por Zezé, que tampouco nos é tan lonxano ao noso. 

Nunha escala do un ao dez a obra obtivo como media entre as valoracións recollidas a cualificación dun OITO.  Algúns dos comentarios coinciden en afirmar que se trata dunha obra sensible, aínda que moi triste. 
- "Encanoume e revivín un pouco os anos pasados". 
- "Provoca mucha ternura y es muy interesante, así como sorprendente".
-"Fantástica narración de vida que nos recorda os nosos primeiros anos".
- "Obra interesantísima, desde a perspectiva histórica e social. Tamén desde o punto de vista afectivo e de identificación co mundo da infancia perdida". 
- " Un libro con moito contido emociomal e cultural".
- "O realismo máxico e a inxenuidade do protagonista enmarcados na realidade cruel dunha  infancia vivida  no seo dunha familia pobre despertaron en min  fondas emocións que  revivín tamén en Estación central de Brasil. 


lunes, 14 de enero de 2013

Hora zulú de Santiago Lopo


Santiago Lopo é de Vigo e profesor de francés. Iniciouse profesionalmente traducindo guións cinematográficos para televisión. En 2006, gañou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, con Game Over. En 2009, publicou Peaxes e no 2012 acaba de obter o Premio García Barros coa súa última novela Hora zulú, publicada por Galaxia.  

Un home aparece ferido e nu ao pé dun acantilado. Ninguén, nin el mesmo, sabe quen é.  En Hora zulú combínanse textos diversos a través dos cales os lectores inician unha busca, coma se se tratase dun xogo que o autor lle propón a quen le. Mediante esa orixinal estrutura, Santiago Lopo mantén a intriga e a tensión narrativa de principio a fin, nunha novela que rompe barreiras, animándonos a soñar e a visitar o outro lado da nosa conciencia. Invitándonos a encontrar a liberdade. (Información da editorial)

 Pódese ler unha entrevista a Santiago Lopo e o seu comentario da novela Hora Zulú no blog de Galaxia.


Teremos a oportunidade de falar co autor e contrastar os nosos puntos de vista 
o luns 18 febreiro ás 18:45h, na biblioteca do centro. 


viernes, 14 de diciembre de 2012

Brasil, Brasil

Publicada por primeira vez en 1968,  A miña planta de laranxa lima é a emocionante historia dun neno ao que a vida fará adulto precozmente. Nesta novela, José Mauro de Vasconcelos recreou os seus recordos de infancia no barrio carioca de Bangú cun lirismo e unha tenrura que cautivaron ós lectores dende a súa aparición e que a converteron nun dos libros máis lidos da literatura brasileira contemporánea.

Neste vídeo, Soledad Felloza, actriz e contacontos uruguaia, afincada en Galicia preséntanos este libro e o que supuxo para ela na súa vida.


A editorial  Libros del Asteroide permite gozar de moitas das melodías que se entoan no libro. Dende as tristes notas da nai no lavadoiro, ata as xeniais interpretacións do señor Ariovaldo e os tangos que emocionaban a Zezé.

Da lectura e da palabra escrita pasamos a deleitarnos coa música para agora poñerlle rostro ós personaxes da historia. O director Aurélio Teixeira fixo unha versión cinematográfica da novela no ano 1970. Esta é a presentación da película. 


Ao ler a historia contada por Vasconcelos non podemos obviar dúas películas ambientadas no Brasil e que reflexan a sociedade dos anos 60-70, o mundo da infancia, a pobreza, a importancia da cultura, a inxenuidade, o afán de supervivencia... Estamos a falar de Estación central de Brasil e tamén dalgún xeito de Ciudad de Dios. 

Estación Central de Brasil invítanos a reflexionar sobre a situación de vulnerabilidade na que se encontra a infancia. ao mesmon tempo que da a coñecer as distintas manifestacións cotiás dos problemas do empobrecemento, temas ámbolos dous presentes no libro de Vasconcelos. 


Cuidad de Dios é unha obra extraordinaria de gran contido social que nos permite un achegamento á dura realidade da marginalización urbana en Latinoamérica entre os anos sesenta e os oitenta, centrada no mundo das favelas brasileñas e a situación que viven os nenos nun ambiente de violencia. 


miércoles, 12 de diciembre de 2012

Calendario decembro


Opinamos




A filla do ladrón de bicicletas. Teresa González Costa. Ed.  Xerais.

Escollimos este libro porque o título chamounos moito a antención. Gustounos moito aínda que é un pouco triste. Pensamos que é triste porque a pobre Serafina, ten que ir a vivir coa súa tía, a Dona Perfecta que é moi mala e  non lle deixa facer nada de nada e ao final do libro róuballe a bicicleta ¡ROUBOULLE A CELERÍFERA!
Tamén é divertido porque Serafina ri, e aínda que sexa a filla do ladrón de bicicletas, no pobo queríana moito. Tiña moitos amigos: Milo, o vello Elías, Beliña ... Serafina pasábao xenial coa súa bicicleta facendo acrobacias, ou como ela dicía "voaba".
Gustounos a parte onde o vello Elías estaba no globo, puxo o disco coa música para que e a tía Perfecta  fose detrás del.
Recomendamos este libro porque pasan moitas aventuras, locuras, algunhas tristezas... Dámoslle a este libro un 10 porque é incrivel... E ademais  a súa autora é unha escritora que vive moi cerquiña nosa.

¡Serafina, miña nai ten a Celerífera na tenda...! Trouxoa o vello Elías, seica esta chea de algas e de area". É o que di Milo cando atopan a bicicleta de Serafina. (Páxina 143) 

Laura, Alba, Vanesa, Sonia e Paola  1º ESO

                                                                                       

miércoles, 21 de noviembre de 2012

O valor literario da retranca


         Son vinte relatos curtos de diferente extensión, que teñen como fío condutor o humor, a fina ironía e a retranca dun agudo observador da realidade como o é o seu autor Núñez Singala. Menú de enganos recolle o mundo das apariencias, aquelo que cremos que é e resulta non ser, para tocar os temas más candentes de actualidade cunha mirada crítica e ás veces incluso despiadada. Así, pasean polas páxinas do libro unha sociedade burguesa e acomodada con falsos compromisos, con valores materiais ou simplemente anécdotas que se convirten en fondos sentimentos  adquiridos nalgunha etapa das nosas vidas. 

        Os relatos que máis gustaron aos lectores e lectoras do club son Trampas , O castigo, Solidariedade occidental, Inculturación, Primeiro de maio...  En canto A rapaza do bikini verde, baseado nun relato autobiográfico, xenera certa controversia, pois hai a quen lle gustou moito e a outros non tanto, xunto con Clarividencia ou  A mensaxe.
Ao remate da charla cubrimos unha ficha na que valorabamos a nosa satisfacción sobre a lectura. As valoracións  nunha escala do UN ao DEZ quedaron como seguen: dez persoas outorgáronlle un OITO, once persoas un NOVE e dúas persoas un DEZ. 

Algunhas  membros do club tamén deron a súa opinión: 
  • Moi interesante as súas reflexións sobre a lingua.
  • Fácil de ler. Gustoume a estructura. Os enganos máis curtos para picar e segundo avanza a lectura máis longos para terminar coa sobremesa. 
  • Pareceume xenial. Moi fácil de ler, moi entretido e cunha retranca estupenda.
  • Moi divertido, xa que cada relato da un xiro inesperado.
  • Unha crítica construtiva e enxeñosa da realidade que nos rodea.
  • Gustoume moito. Algúns relatos resultáronme moi cercanos, outros divertidos e todos dan pé para reflexionar.
  • Gustoume moito a súa fácil lectura e comprensión.
  • Moi fácil de ler e doado para reflexionar.
  • É un libro interesante, divertido e foi entretido lelo.
  • Brillante, claro, contundente, cada un dos relatos podería ser un guión para unha película. Grazas!