O Club da biblioteca do IES Sanxenxo nace coa intención de que as novas tecnoloxías nos axuden a facilitar a comunicación. Deleitámonos co tacto, sempre suxestivo, dun libro nas nosas mans, pero tamén gustamos das posibilidades que nos brinda a rede para falar sobre el. Outras persoas poden observar aspectos dos que non nos teriamos decatado e, deste xeito, a nosa lectura privada enriquécese, o pracer aumenta...
O club iniciou este ano a súa andaina literaria con As de bolboreta de Rosa Aneiros e finaliza con Sol de inverno, tamén da mesma autora. A xuntanza tivo lugar na sede da Fundación CaixaGalicia, que amablemente cedeu as súas magníficas instalacións para este evento.
Rosa Aneiros declarou, cando recibiu o premio Xerais 2009 por Sol de Inverno que “nesta novela quería contar a historia dunha nena, Inverno, a que lle roubaron a infancia, ese paraíso de Antes, e como ao longo de toda a súa vida pelexa por retronar e recuperar ese paraíso. Inverno tenta sempre regresar, especialmente cando vive en Cuba en contacto coa comunidade de emigrantes galegos, aí nese treito da narración, quixen recuperar a memoria da miña propia infancia”. Rosa Aneiros perfilou a Inverno como "un personaxe completo que loita polos seus ideais, mais tamén polos ideais de outros, que sinte tan preto como os propios”.
Unha tarde da que se falou tamén de As de Bolboreta e na que os rapaces e rapazas adquiriron un protagonismo especial da man da autora. Grazas!
O primeiro de marzo XOSÉ MONTEAGUDO estivo en Sanxenxo, terra que el coñece ben e na que é ben querido, como así o demostra a presencia de dúas mulleres que asistiron á charla co escritor porque viron a noticia na prensa . Sorpresa grata para todos os do club e pódese dicir que ésta é unha das consecuencias de difundir nos medios de comunicación o que se está a facer.
Xosé Montegudo, que recibiu por esta novela, Un tipo listo o Premio García Barros , falounos de como xurdiu a idea de poñerse a contar a historia de Manolo, un home de banca, aparentemente honrado e cunha vida intachable. Os feitos están baseados en casos reais que saíron á luz na prensa. Este forte contraste dunha doble vida é o que fascinou a Xosé Monteagudo para poñerse a tirar do fío e contar cales serían os móbiles que fixeron que unha persoa poidese cometer un gran desfalco na sucursal bancaria para a que traballaba.
O éxito estaba garantizado. A presenza dun cadáver na primeira páxina, agarrado a un prato de spaguettis, atrapa ao lector, e unha visión canalla da sociedade pulula polas páxinas da novela. Porque os bos sentimentos, di o autor, non fan boa literatura.
Pero sí que hai bos tipos que escriben boa literatura e nos fan disfrutar con ela.
Dese xeito, unha apacible tarde de outubro collín o coche en Vigo e fun ata Sanxenxo. Cando deixei atrás Pontevedra, mentres conducía, de cando en vez xiraba a cabeza e a miña esquerda ollaba as aliñación das bateas no medio da ría e mais as casas unifamiliares que se espallaban pola estreita franxa de terra situada entre a estrada e o mar. Nas proximidades de Sanxenxo, as casas da primeira liña facíanse máis grandes e ostentosas. Altos cerrumes de pedra e unha mesta vexetación de sebes, piñeiros e palmeiras só permitía adiviñar as luxosas mansións que se ocultaban detrás.
(Páx. 285. Un tipo listo. Xosé Monteagudo. Ed. Galaxia 2009).
Resulta que un personaxe da novela, amigo do pai do protagonista, despois de voltar de Suíza comprou un piso en Sanxenxo. Este personaxe chamado Alfonso Piñeiro, fora amigo insparable do pai na súa nenez e mocidade. A súa aparición na trama da novela será definitiva para o esclarecemento dos feitos que se narran.
Xosé Monteagudo estará en Sanxenxo, virá a falar da súa novela. Compartiremos frente a Silgar o entramado financiero do que fala nas páxinas de Un tipo listo.
Algúns dos membros do club non eran lectores de poesía. Non o eran, pero esto acaba de mudar dende a xuntanza do luns e recoñecen abertamente que a lectura dos poemas de Vacas e sobre todo a súa presenza, fará que marque un antes e despois nas súas vidas de lectores e na súa mirada sobre a poesía.
En Bibliomanía achéganse as impresións dos rapaces que asistiron aos obradoiros da mañá e algunhas imaxes máis.
Reiteramos o noso agradecemento polo entusiasmo posto en cada palabra, por sembrar tan bo produto...
Iniciamos este mes con poesía da man de Raúl Vacas. Impartirá na mañá do luns día 8 un obradoiro cos rapaces de 2º ESO, que levan experimentando cos versos dende a volta de Nadal e pola tarde estará cos membros do Club.
Achegamos un boletín que recolle a obra do autor e algúns dos seus poemas.
O luns 25 de xaneiro tivemos a reunión do club dos maiores no café O gran Suqui de Sanxenxo para intercambiar os nosos puntos de vista sobre a última das nosas lecturas El Baile de Irene Némirovsky.
A maioría dos membros do club disfrutamos coa súa lectura, poís aínda que é unha obra de finais da década dos “felices vinte”, trata temas transladables á actualidade como o universal conflicto “país-fillos adolescentes” ou o ánsia de recoñecemento social.
O máis importante foi que a lectura desta obra permitiunos pasar a todos os membros do club un agradable momento de xuntanza e de intercambio de puntos de vista.
Ata a próxima xuntanza, o 8 de febreiro, con Raúl Vacas.!!!
Os máis cativos quedades convocados para este mércores 3 de febreiro no recreo.
O Teatro Nacional de Cataluña representou ata o 3 de xaneiro un espectáculo de teatro-danza dirixido por Sergi Belbel a partir da novela de Irène Némirovsky,El baile que acabamos de ler e comentar no Club. Un duelo interpretativo entre estas dúas mulleres Anna Lizaran e Sol Picó que dan vida a Madame Kampf e a Antoinette, nai e filla respectivamente dunha familia de novos ricos.
Permitídevos uns minutos para ver o vídeo pois realmente vale a pena.
Na “Luzada”, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes de Ás de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009 que andamos a ler os que formamos parte do Club de lectura ENGÁNCHATE. Os correveidiles non agardan a xuntanza e andan a pregonar as andanzas dos personaxes que se atopan na Luzada:
As andanzas de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. As de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. As de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. As de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. As dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén as de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e as da señora Filomena, e as de Ana, e as de Fiño…
O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”
Estamos convencidos que a novela dará moito do que falar.
A chegada destas chuvias parece deixar atrás definitivamente a temporada primaveral que viñamos disfrutando. O cambio metereolóxico marca para nós o inicio da nova andaina do Club de lectura. O vindeiro día NOVE terá lugar a primeira xuntanza ás SETE da tarde na Biblioteca. Refuxiarémonos e poñerémonos a bo recaudo para presentar as lecturas do novo curso. Agardámosvos.!!
A foto é unha das imaxes seleccionadas no concurso de fotografía 2009 O pracer de ler convocado pola BM do Porriño. Se queredes visitar a galería premede na ligazón. Todo un pracer tamén para a vista.
Con este libro de poesía recén chegado á Biblioteca queremos despedir este curso, non sen antes de recomendar a súa lectura. É un libro fermoso pola edición, escrito todo en vermello, e tamén pola idea. Está adicado ás mulleres víctimas do 36. Os retratos feitos por Sara Lamas aportan os nomes e apelidos destas mulleres "esquecidas entre os esquecidos", ás que Claudio Rodríguez Fer homenaxea reivindicando a súa memoria con poemas coma este:
Humilla a humillación a quen humilla.
A pillaxe, a rapina, a incautación
de todo non son máis
que libros de cinza
nas poutas postizas dos saqueadores.
Tiñan en contra o seu contorno Elas so posuían a desposesión.
Pero queríanse ata abismos
inaccesibles aos impostores.
Porque só se ama
dende o desprendemento.
Triste é ser mesquiño na vinganza.
Roubaron os bens
pero non o ben.
Borraron e queimaron
os símbolos tanxibles.
Mais a refén foi bandeira
de dignidade invicta
en propia praza.
Poema en lembranza de Esther Casares e a súa filla Esther Varela, retidas como reféns durante 19 anos polo feito de ser filla e neta de Santiago Casares Quiroga.
Se vos apetece ler máis poesía este verán atoparedes máis suxestións en Bibliomanía.